Ábrese o prazo de inscrición para o ‘Obradoiro de iniciación á curtametraxe en galego’
O Concello, a través da área de Educación que dirixe Francisco Mourelo, informa de que, até o próximo 7 de novembro, manterase aberto o prazo para inscribirse no Obradoiro de iniciación á curtametraxe en galego. A iniciativa, organizada polo Concello e a Escola Oficial de Idiomas, diríxese aos seus estudantes ademais dos alumnos de ESO, Bacharelato e FP dos centros educativos da cidade.
O taller, que oferta 30 prazas, supón un achegamento práctico ao proceso de realización dunha curtametraxe, con 30 horas de clases teórico – prácticas onde se fará un percorrido polos procesos necesarios para a creación unha peza audiovisual de ficción, abordando temas como a estrutura do guión, a linguaxe audiovisual, a técnica ou a montaxe, para culminar coa gravación dunha curtametraxe que poderá visionarse no Festival CinEOI Coruña Curtas 2015. Nesta edición, ademais, incrementáronse as prazas, que pasan de 20 a 30, e o número de horas que se imparten, de 15 a 30, xa que este ano introdúcense novos contidos relacionados co proceso de montaxe dos curtos.
O taller, que é gratuíto, será desenvolvido polo director, guionista e actor, Omar Rabuñal Varela, durante varias sesións entre o 11 de novembro e o 29 de xaneiro, dentro da iniciativa que forma parte dun proxecto anual para promocionar a participación no Festival CinEOI Coruña Curtas 2014 que terá lugar no mes de abril.
Os asistentes ao taller recibirán unha certificación de asistencia. A inscrición poderá realizarse na dirección de correo electrónico endl.corunha@gmail.com ou entregando o boletín correspondente na conserxería da Escola de Idiomas.
Esta iniciativa inclúese dentro das cinco accións de innovación e dinamización lingüística que promove a Concellaría de Educación dentro do programa educativo Coruña Linguas no que participaron 1.177 escolares de todas as etapas educativas, desde o curso 2011/12, e foi valorado polos participantes cun 8,72 sobre 10.











