publicidade hoxe

A Xunta fai entrega dos títulos da concentración parcelaria de Candamil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaXermade
A-
A+
Entrega dos títulos

Entrega dos títulos

O director xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias entregaron esta tarde os títulos da concentración parcelaria da zona de Candamil, no concello lucense de Xermade.

Coa entrega dos títulos das fincas aos propietarios ponse fin ao proceso concentrador da propiedade que reorganizou un total de 757 hectáreas, pertencentes a 292 propietarios. Así, conseguiuse reducir as 4.684 parcelas existentes inicialmente a tan só 695 fincas, permitindo así mellorar e modernizar as explotacións agrícolas, crear e mellorar as vías de comunicación e de acceso ás novas fincas, axudar a previr os incendios forestais e aumentar o valor da base territorial.

Os traballos realizados na zona concentrada supuxeron un investimento de preto de 1,5 millóns de euros (1.466.579 euros), dos cales a meirande parte corresponden a execución das obras na rede de camiños e ao acondicionamento das novas fincas. Neste sentido, este proceso de concentración permitiu o acondicionamento de 32 quilómetros das vías incluídas na zona.

O director xeral destacou que coa finalización da concentración parcelaria de Candamil, o concello de Xermade ten preto do 20% da súa superficie concentrada o que servirá para impulsar o sector agrario da zona e destacou a importancia de que as fincas se traballen, non só para un beneficio económico senón tamén pola prevención do risco de incendios.

Pola súa parte, Arias sinalou “as vantaxes” da concentración, que non só facilita un aproveitamento máis racional do terreo, senón que “posibilita que se proceda ao fin á regulación xurídica da propiedade de todas as fincas, a través da correspondente inscrición rexistral”.

A delegada referiuse ao avance nas concentracións parcelarias que ten impulsado o actual Goberno da Xunta e incidiu na “importancia de impulsar a reestruturación da propiedade do solo no rural galego, moi fragmentado, para ter un sector agrogandeiro máis competitivo”.

Así mesmo, Crespo recordou que grazas ao Banco de Terras de Galicia, os particulares poden poñer en valor as súas terras, garantindo a seguridade da propiedade e -no caso de ser arrendada- o cobro dos prezos de referencia da renda, así como a devolución das fincas en bo uso agrario.

30 de outubro de 2014 | 19:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.