A Xunta destinará 137.000 euros á mellora dos polígonos industriais da Gándara e Río do Pozo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaNarón
A-
A+
Belén do Campo en Narón

Belén do Campo en Narón

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou esta mañá os polígonos industriais de Río do Pozo e da Gándara, no concello de Narón, para supervisar os traballos de mellora dos accesos, por unha banda, e dos servizos enerxéticos, por outra, que se están a executar na actualidade. Estas actuacións están a ser cofinanciadas entre o concello e a Consellería de Economía e Industria, cunha achega de 136.990 euros, que supón o 80% do investimento total en cada proxecto.

Acompañada polo alcalde do municipio, José Manuel Blanco, Do Campo explicou que as obras que se están a realizar en Río do Pozo servirán para repoñer a capa de rodadura nos tramos mais danados da vía principal do polígono –avenida Bernardo Romero- tanto no carril da saída cara Narón como no de acceso ás fases III e IV do parque desde a autovía Ferrol-As Pontes (AG-64). En total, repararase 1,6 quilómetros de asfalto.

En canto ao parque empresarial da Gándara, o proxecto subvencionado polo departamento autonómico consiste na substitución do alumeado público actual por outro de maior eficiencia enerxética, que contribuirá a reducir a factura eléctrica e, ao mesmo tempo, mellorarán as condicións de iluminación nesta zona.

A delegada territorial explicou que estas axudas enmárcase no programa de apoios impulsado desde o departamento autonómico para a habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais. “A través destas liñas de subvencións impulsarase a súa actividade industrial, xerando postos de traballo e mellorando a competitividade do tecido empresarial”, apuntou.

En total, 21 concellos da provincia da Coruña beneficiaranse destas subvencións, que suman un investimento de 1,8 millóns de euros. En toda Galicia, o programa ten consignados 4,2 millóns de euros, “configurando un dos orzamentos máis importantes desde a súa posta en marcha”, destacou a máxima representante do Goberno galego na provincia. As iniciativas obxecto de subvención abarcan eidos diversos, como o aforro e a eficiencia no gasto enerxético, a creación de novas plantas de depuración de augas, a xestión de residuos, as vías de acceso ou a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia.

Co fin de facilitar aos municipios a modernización dos seus parques empresariais, permítese o pago de anticipos de ata o 25% da axuda concedida. Faise así accesible a posta en marcha de actividades que incrementan a calidade destas infraestruturas.
 

29 de outubro de 2014 | 18:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.