A xunta de seguridade local de Ferrol avoga por reforzar a coordinación e por optimizar a presenza policial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presidiu hoxe a reunión da Xunta Local de Seguridade, en que se fixo balance dos datos de protección cidadá e resolución de conflitos no que levamos de ano; ao tempo que se puxeron enriba da mesa algunhas demandas veciñais relativas à coordinación entre forzas e corpos de seguridade e a optimización dos servizos. Ademais do rexedor municipal, no encontro de traballo tamén participaron o subdelegado do Goberno en Galicia, Jorge Atan Castro; o concelleiro de Seguridade e Mobilidade, Pablo Cal Martínez; o Comisario Xefe e o Comisario Provincial do Corpo Nacional de Policía –Ángel Casanova Martínez e Jose Luis Balseiro Vigo, respectivamente-; e o Xefe da Policía Local de Ferrol, Emilio Martínez Rodríguez.

Tralo encontro, Rey Varela sinalou que, entre outros asuntos, abordouse a necesidade de seguir avanzando no reforzamento da coordinación entre as diferentes forzas e corpos de seguridade co obxectivo de atender da maneira máis eficiente posible as necesidades e demandas dos cidadáns. Neste sentido, na xuntanza celebrada esta mañá na Casa Consistorial ferrolá acordouse continuar na liña de optimizar a presenza de axentes nos barrios. Por outra banda, dos datos expostos na xuntanza conclúese unha diminución xeneralizada dos delitos e faltas no municipio no período comprendido entre os pasados meses de xaneiro e setembro en comparación co exercicio anterior.

28 de outubro de 2014 | 19:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.