A Xunta de Goberno Local de Ourense aproba a modificación de crédito que permitirá completar as expropiacións nas Burgas
A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou na súa xuntanza desta mañá a modificación orzamentaria necesaria para completar as expropiacións de terreos incluidos no Plan Especial das Burgas e o seu contorno. A modificación de crédito prevé destinar unha contía de 1,6 millóns de euros á adquisición de terreos que son necesarios para desenvolver os proxectos municipais de posta en valor deste Ben de Interés Cultural e executar a construción dun hotel balneario.
Esta intervención será financiada con cargo a remanente de tesorería para gastos xerais do que dispón o Concello na actualidade, de acordo cos resultados da liquidación do orzamento de 2013.
Con ela se avanzará no desenvolvemento das actuacións previstas no Plan Especial do BIC coa categoría de sitio histórico para o conxunto de fontes termais das Burgas e o seu contorno aprobado o 27 de xaneiro de 2012 polo Pleno do Concello, de acordo co Decreto 17/2007 da Xunta de Galicia que declaurou o conxunto Ben de Interese Cultural.
A proposta de modificación dos orzamentos do Concello aprobada esta mañá pola Xunta de Goberno Local será presentada a aprobación por parte do Pleno do Concello de Ourense.
Melloras na Praza de Abastos número 1
Na mesma sesión, a Xunta de Goberno Local aprobou a sinatura dun convenio de colaboración entre o Concello de Ourense e a Asociación de Comerciantes da Praza de Abastos número 1 de Ourense para a execución de melloras do mercado municipal.
En virtude deste convenio, os comerciantes, adxudicatarios da xestión da Praza, comprométense a poñer o edificio a disposición do Concello e das empresas que resulten adxudicatarias das obras, permitindo así a súa execución, así como a facilitar en todo o que podan a pronta e precisa realización das mesmas.
No convenio, o Concello, propietario da Praza, fai constar a gran importancia que ten o tecido comercial como elemento dinamizador da economía ourensá e, singularmente, dos mercados municipais como espazos de centralidade con capacidade de xerar actividades complementarias ao seu redor, e canle de comercialización moi eficaz de produto fresco derivado da horta e da gandeiría.
Tamén subliña a grande importancia da praza como espazo dedicado á prestación dun servizo público co obxectivo de que o inmoble se manteña destinado ao uso que lle é propio, adaptándoo aos novos condicionantes do mercado que fagan posible a modernización das súas instalacións, ao tempo que resalta o empuxe e dinamismo que está amosar a Praza, con novos postos e un proceso de mellora das instalacións. Así, para continuar con esta dinámica son necesarias as melloras de certos elementos como a instalación dun ascensor para facilitar o mellor acceso tanto a comerciantes como a usuarios e usuarias do mercado e a substitución do solado.
Este convenio é o primeiro paso para desenvolver estas actuacións, que o Concello de Ourense licitará e adxudicará. O Concello prevé dar continuidade ás medidas de apoio á Praza de Abastos tamén no próximo ano 2015 con proxectos de mellora da iluminación, imaxe e uniformización dos comerciantes.











