A Xunta de Goberno da Laracha resolve o contrato coa empresa concesionaria da xestión da piscina

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

A Xunta de Goberno Local do Concello da Laracha reuniuse a primeira hora desta mañá nunha sesión extraordinaria na que se acordou incautar a garantía e resolver o contrato coa empresa Grupo Pazos Salud y Ocio S.A., concesionaria da xestión, explotación e mantemento do complexo deportivo da piscina municipal.

O grupo de goberno xa avanzara esta cuestión aos representantes da oposición na Comisión Informativa celebrada no día de onte.

O alcalde, José Manuel López Varela, e técnicos municipais tamén mantiveron unha reunión ao longo desta mañá cos empregados do complexo deportivo da piscina municipal da Laracha para darlles conta da citada resolución do contrato.

Cabe lembrar que o Concello da Laracha iniciara o expediente a finais do pasado mes de setembro tras considerar como falta moi grave o retraso nos pagamentos das nóminas que desde xuño están a sufrir as once persoas que traballan na instalación, causa suficiente para retirar a concesión á empresa segundo se establecía nos pregos que rexeron o proceso de licitación.

31 de outubro de 2014 | 19:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.