A Xunta comprométese coa Laracha cos seus orzamentos para o próximo exercicio
A Xunta de Galicia fixo público o seu proxecto de orzamentos xerais para o exercicio económico 2015, documento que inclúe un investimento de 1.060.000 euros para a construción do novo edificio no CEIP Ramón Otero Pedrayo, unha decisión que vén a confirmar o pleno compromiso do goberno da administración autonómica co Concello da Laracha.
Por tanto, ao longo do próximo ano desenvolverase a obra que prevé a construción dun novo aulario que se levantará nos terreos próximos á entrada principal do centro, onde actualmente existe unha área de recreo que é utilizada como campo de fútbol.
Ademais, o CEIP Ramón Otero Pedrayo tamén está a ser dotado cun pavillón polideportivo cuberto, nunha actuación cofinanciada entre a Deputación Provincial da Coruña e o propio Concello da Laracha. En total, entre ambos proxectos investiranse preto de un millón e medio de euros no principal colexio do municipio, no que actualmente cursan os seus estudos de educación infantil e primaria preto de seiscentos nenos.
A outra mellora da que recentemente se beneficiou a comunidade educativa deste mesmo centro foi o incremento no número de prazas do comedor escolar, que agora alcanza os 408 comensais diarios.
Por outra banda, cabe lembrar que a escola infantil pública, que está integrada na rede A Galiña Azul, tamén está a ser obxecto dun proxecto de mellora das instalacións, cuxa obra está moi avanzada. Investiranse en total preto de 400.000 euros na construción dun novo edificio de tres módulos que permitirá aumentar a oferta en 41 usuarios para alcanzar un total de 115.
O Concello da Laracha, por tanto, constata con satisfacción que as previsións orzamentarias da Xunta de Galicia con respecto ao investimento previsto no colexio CEIP Otero Pedrayo e tamén o demostrado compromiso da Deputación da Coruña responden fielmente ás propostas do grupo de goberno local e están en plena sintonía coas necesidades reais que o municipio presenta actualmente.
Por tanto, celebramos que a cooperación entre as tres administracións –municipal, provincial e galega-, permita traballar conxuntamente na defensa do interese xeral e dar resposta a demandas históricas en beneficio da veciñanza en xeral. Nunha época de dificultades económicas como a actual, no Concello da Laracha investiranse preto de dous millóns de euros en actuacións dirixidas á mellora das instalacións e infraestruturas educativas públicas existentes no termo municipal.











