A punto de rematar a campaña anual de limpeza de pistas que contou cun investimento de 59.000 euros
O departamento de Obras finalizará durante o mes de novembro o programa anual de limpeza das vías do Concello no que, ademais, tamén se inclúe o mantemento doutros espazos de titulariedade municipal. Os traballos iniciáronse en maio e ao remate do programa levaranse repasado uns 300 quilómetros de pistas asfaltadas e camiños forestais, cun investimento total de 58.700 euros sufragados nun 75 por cento con fondos municipais.
Para levar a cabo estas actuacións o Concello destina os seus dous tractores con cadanseu operario aos que se suman outros dous equipos dunha empresa externa nos momentos de maior carga de traballo, que se concentra nos meses de xullo e agosto.
O departamento de Obras organiza o programa de limpeza viaria en función da superficie de cada parroquia e das necesidades de mantemento que requiran. O cronograma de traballo indica que para o mes de novembro se terán ocupado 148 días en rozar pistas e o contorno doutros espazos públicos, como poden ser os dous campos de fútbol, a leira da Cortiña, ou os arredores da depuradora e da potabilizadora municipal.
Os labores de limpeza desenvólvense procurando manter a maquinaria o maior tempo posible nunha mesma parroquia para aforrar en combustible e en desprazamentos. Habitualmente danse polo menos dúas pasadas, unha xeral ao comezo da temporada e outra de preparación para o inverno. Con todo, o Concello adoita variar a programación cadrando coas datas nas que se prevé un incremento sensible do tráfico en determinados puntos da rede municipal. É o caso da Feira da Plantación, da Feira do Cabalo en Santa Mariña, do Xantar popular de Ferreira, o Festival do Río Castro en Naraío, o San Pipote, a Feira das Carrilleiras de Lamas ou os mercados e a Feira Rural, entre outros eventos.
Circunstancias todas elas ás que cómpre darlles resposta e que obrigan ao servizo de Obras a facer encaixe de bolillos para atender todo o territorio como merece e de forma proporcional. As previsións de execución sinalan que ao remate do programa a maquinaria terá estado en Bardaos en distintas ocasións un total de 12 días, en Ferreira 24, 14 en Igrexafeita, 30 días en Lamas e Naraío, 14 en San Sadurniño e 24 xornadas en Santa Mariña do Monte.
Para entender esta distribución hai que ter en conta que non todas as parroquias son iguais en superficie e que dentro delas hai zonas con distintas dificultades á hora de facer a limpeza. Tamén cómpre ter en conta que, se non hai avarías, cada tractor fai unha media diaria de 2 quilómetros de traballo efectivo e cun consumo de entre 25-30 litros de combustible. Outro factor que hai que considerar é que o persoal municipal dispoñible só pode dedicarlle ao programa tres cuartas partes da súa xornada laboral, posto que tamén debe atender outras necesidades dun municipio con 100 quilómetros cadrados de extensión.
O custe total do proxecto para as arcas públicas está cifrado en 58.700 euros, nos que entran os gastos de persoal, os combustibles, as reparacións, os seguros e a contratación de servizos de apoio. Esta cantidade asúmea o Concello nun 75 por cento mentres que o 15 por cento restante -uns 15.000 euros- fináncianse con subvencións doutras administracións.
Plan especial de mellora da rede viaria
Os labores de limpeza cadran este ano cun plan especial de reposición das infraestruturas viarias que tamén está a piques de finalizar. Trátase dun paquete de pequenas reparacións, acondicionamento de cunetas e rebacheos de mantemento en zonas que quedaron fóra de programas coma o POS ou o DTC.
Desde finais do verán estase traballando en Santa Mariña, Bardaos, San Sadurniño, Igrexafeita, Ferreira, Lamas e o Camiño Arriba por medio dun programa financiado integramente polo Concello e orzamentado en case 63.000 euros, procedentes do balance positivo das contas municipais do ano pasado.











