A provincia de Pontevedra inicia a campaña para a cobertura vacinal antigripal e antipneumocócica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Consellería de Sanidade inicia hoxe na provincia de Pontevedra a campaña de vacinación antigripal e antipneumocócica, que estará vixente ata o vindeiro 20 de decembro.

A provincia de Pontevedra conta nesta campaña con arredor de 250 puntos de vacinación, repartidos entre centros de saúde e consultorios, centros hospitalarios públicos, hospitais e consultas médicas privadas; as residencias e centros para a terceira idade; as unidades asistenciais de drogodependencias; os centros penitenciarios; e os centros de atención a discapacitados.

Cun orzamento de 2 millóns de euros para a presente campaña, Galicia adquiriu 530.300 doses que se distribuirán por máis de 900 puntos de vacinación. Dita adquisición efectuouse mediante un acordo marco con Ministerio de Sanidade e outras 13 comunidades autónomas españolas.

Relevancia da vacinación do persoal sanitario da provincia

Entre as previsións do presente ano 2014, destaca o especial fincapé que Sanidade fará na vacinación do persoal sanitario da provincia de Pontevedra. A Consellería salienta a importancia deste obxectivo preventivo, pois ademais do beneficio individual para os profesionais, redúcense as posibilidades de transmitir a enfermidade ás persoas que coidan ou atenden. Así, entre os traballadores de Atención Primaria e Especializada do SERGAS, o obxectivo de cobertura é superar o 35%.

Así mesmo, Sanidade pretende acadar unha cobertura vacinal do 65% entre a poboación maior de 65 anos.

Poboación diana

A campaña de vacinación fronte a gripe e o pneumococo 2014, que durará máis de oito semanas, está destinada a todas as persoas da provincia que teñan 60 ou máis anos e as pertencentes aos grupos de risco. Inclúense nos grupos de risco da antigripal as persoas con enfermidades crónicas cardiovasculares ou respiratorias; persoas institucionalizadas con procesos crónicos; as persoas con enfermidades metabólicas crónicas ou inmunodeficiencias; os nenos e adolescentes -de seis meses ata 18 anos- con tratamentos prolongados de aspirina; as persoas con obesidade mórbida; e as mulleres embarazadas durante a temporada de gripe.

Tamén se inclúen na poboación diana os grupos con posibilidade de transmitir a gripe a outras persoas de alto risco, como os traballadores de centros sanitarios e sociais de toda a provincia de Pontevedra, e tamén as que desenvolven traballos esenciais para a comunidade, como policías e bombeiros; as que pola súa ocupación poden estar en contacto con aves; e os viaxeiros internacionais.

Organización da campaña

Na campaña que hoxe comeza utilizaránse dous tipos de vacina: o primeiro para as persoas de 60 a 74 anos non institucionalizadas e as menores de 60 anos pertencentes aos grupos de risco; e o segundo para a poboación maior de 74 anos ou de 65 ou máis anos que vivan en residencias. Ambas son moi seguras e as reaccións que poden producir adoitan ser lixeiras e pasaxeiras. Como novidade, aínda que afecta a moi pouca xente, haberá tamén unha vacina específica para as persoas con alerxia severa ao ovo.

Os interesados en vacinarse na provincia de Pontevedra deben poñerse en contacto co seu centro de vacinación habitual, onde lles informarán de cómo e onde solicitar a cita. As persoas con 60 ou máis anos, así como aquelas que sufran enfermidades crónicas, deben acudir ao seu médico de cabeceira ou centro de saúde onde serán informados das vacinas que deben recibir.

A Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade en Pontevedra lembra á cidadanía que a vacinación durará máis de oito semanas e hai tempo suficiente para facela progresivamente. Por isto, solicítase á poboación que, para evitar a sobrecarga do sistema asistencial da provincia, non se acuda masivamente os primeiros días da campaña.

Balance da campaña provincial do pasado ano 2013

O balance de datos da Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade en Pontevedra revela que, na campaña do pasado ano 2013, administráronse un total de 131.392 doses antigripais na provincia de Pontevedra, das que 91.643 doses foron destinadas a maiores de 65 anos, acadando unha cobertura do 48%.

Con respecto á vacina antineumocócica, na campaña provincial do pasado ano 2013 rexistráronse 8301 doses, das que 1373 foron para a poboación de 65 anos, conseguindo unha cobertura do 12%.

Datos por Xerencias de Xestión Integrada de Pontevedra e Vigo

Concretamente na área de Xestión Integrada de Pontevedra-O Salnés administráronse na pasada campaña 30.082 doses a maiores de 65 anos, acadando unha cobertura do 47%. En persoas de entre 60 e 64 anos, o número de doses administradas foi de 3497 doses, cunha cobertura do 19%.

Con respecto da vacina antipneumocócica, na campaña do pasado ano na na área de Xestión Integrada de Pontevedra-O Salnés rexistráronse 2.267 doses, das que 378 foron para persoas de 65 anos, o que representa unha cobertura do 10% %.

Na área de Xestión Integrada de Pontevedra-O Salnés, a cobertura do persoal sanitario dos seus centros de Atención Primaria foi dun 24,6%, mentres que nos centros de Atención Especializada foi do 19,7%.

Por outra banda, na área de Xestión Integrada de Vigo administráronse na campaña de 2013 un total de 51.976 doses antigripais a maiores de 65 anos, acadando unha cobertura do 48%. En persoas de entre 60 e 64 anos, o número de doses administradas foi de 6.578 doses, cunha cobertura do 19%.

Con respecto da vacina antipneumocócica, na campaña do pasado ano na área de Xestión Integrada de Vigo rexistráronse 5333 doses, das que 862 foron para a poboación de 65 anos, o que representa unha cobertura do 13%

Na área de Xestión Integrada de Vigo, a cobertura do persoal sanitario dos centros de Atención Primaria foi dun 26,8%, mentres que nos centros de Atención Especializada foi do 13,3%.

20 de outubro de 2014 | 11:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.