A Policía Municipal de Ferrol denunciou a seis condutores nos controis preventivos de alcoholemia e drogas
A Xefatura de Policía Local de Ferrol informou hoxe dos resultados da campaña de consumo de alcohol e drogas levada a cabo a pasada fin de semana entre os condutores que circulaban polo termo municipal. De xeito máis concreto, os axentes realizaron controis en diferentes puntos da cidade dentro da programación anual en materia de seguridade viaria.
En canto aos resultados, os gardas locais controlaron un total de 135 condutores, dos cales o 74% foron homes e o 26% mulleres. Dos condutores examinados un 3 % deron positivo por alcohol, todos eles homes e cunha idade media próxima aos 35 anos. Ningunha muller deu positivo por alcohol ou drogas. Así, os axentes municipais cursaron catro denuncias administrativas por conducir con taxas superiores ás permitidas, e unha penal contra un condutor que circulaba co permiso de circulación retirado por sentencia xudicial firme. Tamén tramitaron outra denuncia por condución temeraria ao intentar evadir o control policial.
Ademais, a Policía Local tramitou outros catro atestados por conducir baixo a influencia de bebidas alcohólicas fora do propio dispositivo de seguridade viaria.











