A Policía de Pontevedra reclama formación para posibles casos de ébola

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Europa Press

A Confederación de Policía na provincia de Pontevedra reclamou este martes formación e medios para facer fronte a un posible caso de ébola, ao tempo que subliñou a “inseguridade latente” entre os axentes pola falta de instrucións ao respecto.

Así, a confederación dirixiuse ao subdelegado do Goberno, Antonio Coello, para pedirlle que “se tomen medidas urxentes tanto na formación dos axentes de Policía coma na dotación de medios de protección especiais” en previsión da aparición dun foco de ébola na provincia.

Segundo apuntaron os axentes, en puntos tan “sensibles” como o servizo de Atención ao Cidadán ou o Aeroporto “non existe indicación ningunha” por parte do Ministerio do Interior “sobre medidas a adoptar ante unha posible situación de risco infecto-contaxiosa relacionada co virus ébola”.

Esta situación, explican, “xera unha inseguridade latente entre os membros do colectivo policial”, sobre todo tendo en conta que o hospital vigués de Meixoeiro é o centro de referencia en toda Galicia para este tipo de patoloxías e a actividade do aeroporto e do porto da cidade.

“A medida que transcorren os días, a sensación de inseguridade laboral vai en aumento pola inexistencia de instrucións oficiais sobre a prevención ante un hipotético risco de contaxio”, explicou a Confederación.

14 de outubro de 2014 | 10:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.