A nova aula de actividades musicais e multimedia da parroquia de Cercio en Lalín recibe unha achega de 50.000 euros de Agader
A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) achegou unha axuda de 50.000 euros para a creación da aula de actividades musicais e multimedia do local social da parroquia de Cercio, no concello pontevedrés de Lalín. Este orzamento foi cofinanciado con fondos europeos Feader para o desenvolvemento rural correspondentes ao Plan Leader 2007-2013 xestionado a través do GDR-22 Terras do Deza, e polo Concello de Lalín.
Esta infraestrutura, en cuxa inauguración participou hoxe o director xeral de Agader, Antonio Crespo, xunto co alcalde de Lalín, José Crespo, supuxo un investimento total de 79.271,67 euros.
Para a construción desta sala musical e multimedia procedeuse á rehabilitación do inmoble que alberga o local social da parroquia e que permitirá ademais empregar o mesmo como sala de usos múltiples na que os veciños poidan celebrar reunións e desenvolver diferentes actividades.
O Director xeral de Agader afirmou no acto inaugural que “Cercio é unha parroquia cun gran dinamismo social e cultural na cal se atopa entre outras a Asociación Cultural A Carballeira, a máis antiga do Concello de Lalín. Esta obra era polo tanto unha necesidade para o desenvolvemento social e cultural das xentes xa non so da parroquia, senón tamén dos arredores. Achegar a Cultura ao rural e promover a cultura dende o rural é un dos camiños a seguir para mellorar as condicións de vida neste eido”.
Á inauguración asistiron ademais o xefe Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar, Miguel Perez Dubois, e o Presidente do GDR Terras do Deza e Alcalde de Rodeiro, Luis López, así como outros membros da corporación municipal, veciños da parroquia de Cercio e os socios das diferentes entidades con sede na parroquia, a asociación cultural A Carballeira, a asociación de augas As Covas, a asociación Mulleres en Igualdade de Cercio e o Grupo de Baile A Carballeira.











