A modificación do inventario de camiños da Laracha será elevada a pleno extraordinario
A Comisión Informativa de Réxime Interior, Persoal, Medio Ambiente, Servizos Municipais e outros asuntos do Pleno reuniuse hoxe baixo a presidencia do edil José Manuel Iglesias, nunha sesión na que, por iniciativa do grupo de goberno, se tratou a aprobación inicial da modificación do inventario de camiños do Concello da Laracha, asunto que será elevado ao Pleno extraordinario que se celebrará o mércores da próxima semana.
A realización do inventario desenvolveuse en varias fases, que se iniciaron cando o Concello da Laracha encargou a elaboración dun documento técnico no que se recollesen a totalidade dos camiños públicos que existen actualmente no municipio e as súas condicións actuais.
Nese momento comezouse a desenvolver a dixitalización do anterior documento, que aínda está actualmente en vigor. A continuación realizouse un laborioso traballo de campo, especialmente nas parroquias, para incorporar á rede de estradas as novas vías que foron creadas nos últimos anos. Todas elas foron plasmadas sobre unha base catastral para favorecer a súa comprensión e facilitar a súa utilización. Nesta fase, a recollida da información sobre o terreo apoiouse con documentación e ortofotos actuais e históricas de cada zona.
Agora que o Concello da Laracha xa dispón do documento técnico, proporase ao Pleno a aprobación inicial do mesmo. No caso de alcanzarse ese acordo, a modificación do inventario de camiños deberá pasar un período de exposición pública de vinte días hábiles antes de elevar a definitiva a súa aprobación. Eses son os trámites necesarios para a conversión nun documento oficial complementario ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
Como datos de interese, salientar que o estudo realizado ordena todos os camiños existentes por parroquias, clasificándoos en base ás características do seu firme. O inventario inclúe un total de 1.870 referencias e unha rede viaria de camiños que alcanza os 652.930 metros.











