A licitación das obras da potalibilizadora de Cerdedo contarán cun investimento de 1,2 millóns de euros

Cores Tourís na visita a Cerdedo
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Cerdedo para anunciar a licitación das obras da ETAP deste municipio nas que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través de Augas de Galicia, investirá 1,2 millóns de euros euros, tal e como se recolle hoxe no Diario Oficial de Galicia.
José Manuel Cores Tourís trasladoulle esta nova ao alcalde da localidade, José Balseiros, acompañado do xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez.
A Xunta de Galicia aprobou en setembro deste ano a colaboración técnico-financeira da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello de Cerdedo para a execución do abastecemento a este municipio desde o río Seixo e a estación de tratamento de auga potable (ETAP).
Deste xeito, segundo recordou Cores Tourís, o Goberno galego, a través de Augas de Galicia, achegará un importe de preto de 1,2 millóns de euros para a realización destas obras hidráulicas que mellorarán a calidade de vida dos habitantes deste municipio pontevedrés.
Pola súa banda, o alcalde de Cerdedo recordou a importancia desta obra, que permitirá poñer fin a un grave problema que “en especial no verán, estamos a vivir dende sempre neste concello”. Balseiros agradeceu a colaboración da Xunta para atallar esta situación e recordou que a captación da auga farase non dende o río Lérez senón dende o Seixo. “A este respecto temos que dicir que cumpriranse tódalas normativas medioambientais e o curso do río non se verá afectado en absoluto”, engadiu o rexedor.
Na actualidade, o núcleo de Cerdedo abastécese por gravidade do canal de derivación dun aproveitamento hidroeléctrico existente no Lérez. A auga deste canal está suxeita aos réximes de turbinas da central e non garante a calidade necesaria, xa que tamén recibe augas arriba o efluente da EDAR de Forcarei. A auga proveniente do canal é tratada unicamente mediante desinfección nun depósito duns 400 m3 de capacidade que non dispón de acometida eléctrica. Neste senso, as obras proxectadas darán solución a estes problemas, levarase a cabo un novo abastecemento, mediante unha captación por gravidade no río Seixo, que destaca pola excelente calidade das súas augas.
O proxecto prevé unha captación mediante pozo filtrante de aros prefabricados perforados de 2 metros de diámetro interior, rodeado de material filtro, mediante o cal se interceptará o nivel freático na marxe esquerda do río. Do pozo partirá unha condución cunha lonxitude de 3.820 metros, que chegará ata a nova ETAP. Tamén se executará unha nova condución, duns 160 metros de lonxitude para a condución de baixada desde o depósito de cabeceira ata a conexión coa rede actual.
Ademais da ETAP proxéctanse dous depósitos circulares de 250 m3 de capacidade e prefabricados de formigón, con cotas de auga 422,5 – 427,8 m, entre os que se instalará unha cámara de chaves que albergará, ademais das válvulas de control dos depósitos, os equipamentos de tratamento proxectados para a auga bruta (de desinfección e filtración).
A Xunta de Galicia, mediante estas actuacións, pretende mellorar a calidade da auga que abastece os habitantes do Concello de Cerdedo e darlle servizo a unha poboación estimada de 1.267 habitantes.











