A Laracha apoia a reconstrución de Gaza e Filipinas a través do Fondo Galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+
Asamblea do Fondo Galego

Asamblea do Fondo Galego

Rocío López, edil de servizos sociais, representou ao Concello da Laracha na Asemblea xeral de socios desta entidade celebrada hoxe pola mañá na sede da Fegamp en Santiago de Compostela.

Como acordos máis relevantes, resolveuse que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade destinará 20.000 euros á recuperación de Palestina tralos últimos bombardeos israelís e outros 10.000 euros á poboación filipina afectada polo tifón de 2013. Ademais, cofinanciará con 152.345 euros seis proxectos de ONGD galegas en países empobrecidos.

A Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina (UNRWA) recibirá 10.000 euros para apoiar o traballo dos equipos de saúde mental da entidade que atenden á poboación no contexto postbélico. Os outros 10.000 euros canalizaranse a través da Asociación Médica Hispano Palestina, que vehiculiza a entrada e distribución de material médico e farmacéutico na Franxa.

Doutra banda, os 10.000 euros para Filipinas corresponden a achegas extraordinarias dos Concellos de Narón e Pontevedra, xunto coa recadación dun concerto solidario organizado polo Concello de Lugo. A doazón destinarase ao Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (Acnur), que a investirá en proporcionar refuxio e materiais de primeira necesidade ás comunidades do arquipélago. Esta contía súmase aos outros 10.000 euros xa mobilizados o ano pasado poucos días despois do paso do ciclón Haiyan, cos que se dotou 1.000 familias damnificadas de tendas e artigos non alimentarios básicos de emerxencia.

Latinoamérica e India

Nicaragua, Honduras, Perú, India e Guatemala son os lugares onde sete ONGD galegas desenvolverán proxectos de cooperación internacional cofinanciados polo Fondo Galego, segundo a resolución da convocatoria de axudas ratificada esta mañá pola Asemblea. Todas elas traballan en parcería con organizacións locais e levarán a cabo ademais actividades de sensibilización en Galicia para concienciar fronte as desigualdades.

A proposta de Amigos da Terra busca facilitar o acceso á auga dun milleiro de nicaraguanas e nicaraguanos mellorando a infraestrutura e o manexo das fontes, ao tempo que se achegan solucións como a depuración biolóxica. No mesmo país, Taller de Solidaridad contribuirá a fortalecer o turismo sustentable potenciando a autosuficiencia financeira dun centro rural. Mellorar o acceso á auga potable e ao saneamento en sete municipios mediante unha xestión integrada é o fin último da iniciativa formulada por Enxeñería sen Fronteiras no Golfo de Fonseca, onde se desenvolverán formacións e estudos para formular os plans necesarios.

Intered promoverá en Perú a participación das mulleres quechuas e aimaras co fin de mellorar os servizos de atención ás vítimas de violencia familiar e sexual. Tamén na India a ONGD Implicadas no Desenvolvemento apostará por impulsar a participación social e política dunhas 1.500 mulleres do rural, mentres que en Guatemala Arquitectos sen Fronteiras colaborará no desenvolvemento autónomo apoiando unha cooperativa local de materiais de construción e reactivando a organización comunitaria, con enfoque de xénero.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 87 Concellos –entre eles, o da Laracha- e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido uns 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.ateriais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

22 de outubro de 2014 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.