A Laracha acollerá unha charla sobre o novo decreto de venda directa nas feiras e mercados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O centro sociocultural de Paiosaco acollerá este venres a partir das 20:00 horas unha charla informativa que organiza o Concello da Laracha sobre o novo decreto galego que regula a venda directa nas feiras e mercados dos produtos primarios desde ás explotacións á persoa consumidora final.

O ponente será Antonio Manuel Aguión Fernández, xefe territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia, que ademais de expoñer o contido do decreto e explicar como afectará ao desenvolvemento da feira, tamén aclarará calquera dúbida ou cuestión que desexen expoñer e consultar as persoas asistentes.

A do próximo domingo (2 de novembro) será a primeira feira que se celebrará en Paiosaco trala entrada en vigor desta nova normativa, que afectará especialmente á zona de venda libre de produtos do campo, unha ampla área que conta con máis de douscentos postos marcados e que non están suxeitos a ningún tipo de taxa municipal.

É por ese motivo que o Concello da Laracha, en colaboración coa Consellería do Medio Rural e do Mar, ofrece á veciñanza e aos vendedores este acto aberto no que poderán coñecer os pasos que deben seguirse e a documentación requirida para acollerse ao sistema.

28 de outubro de 2014 | 19:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.