A firma coruñesa Autocares M. García traslada diariamente a 196 persoas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A firma coruñesa de transporte adaptado Autocares M. García traslada diariamente e ao longo do novo curso escolar a 196 persoas, 58 delas en cadeira de rodas. Isto supón un incremento do 20% respecto ao pasado curso.

Entre setembro e outubro fóronse pondo en marcha diferentes rutas diarias para achegar aos usuarios, a maior parte con problemas de mobilidade, aos seus respectivos centros educativos ou centros de día para maiores ou discapacitados.

Confianza das asociacións de referencia

O centro de día Padre Rubinos, recentemente inaugurado polo Presidente da Xunta, é unha das institucións que decidiu confiar o seu transporte adaptado á firma coruñesa. Un microbús adaptado realiza varios percorridos pola cidade da Coruña para trasladar a 19 usuarios, 6 deles en cadeira de rodas.

Xunto a elas, Geriatros, Cáritas e Aspace Coruña renovaron o transporte para os seus centros de día. Autocares M. García continúa prestando tamén o servizo de transporte adaptado para alumnos e profesores da Universidade da Coruña. Un vehículo especial, o mesmo que foi utilizado por Stephen Hawking na súa visita a Galicia, está á súa disposición todo o día, adaptándose ás súas clases e exames.

As rutas diarias complétanse coas que presta para diversos centros educativos de Coruña e a súa contorna como o Centro de Educación Especial María Mariño, IES Pastoriza, IES Isaac Pardo, CEIP Galán, CEIP Barrié da Maza e o CEIP Portofado.

A aposta pola especialización

Para atender este incremento de servizos, a empresa de transporte incrementou o seu persoal de 20 a 25 empregados, coa contratación dun xefe de tráfico, 2 condutores e 2 acompañantes, persoal especializado no manexo das plataformas elevadoras e mecanismos de seguridade adaptados.

Ademais renovou a súa flota coa adquisición de 3 novos microbuses adaptados. Así actualmente conta con 13 vehículos (3 autocares de 53 prazas, 2 mini-buses de 34 prazas, 8 microbuses de 19 prazas e un vehículo especial de 9 prazas) que poden trasladar simultaneamente 76 usuarios en cadeira de rodas.

Autocares M. García é a única empresa coruñesa que pode asumir o transporte diario de 58 usuarios en cadeira de rodas, mesmo fronte a outras con flotas máis grandes. A empresa familiar, nacida nos anos 50, optou por renovar toda a súa flota no ano 2005 e a única empresa de Galicia que conta con todos os seus vehículos adaptados.

Moi satisfeitos da boa acollida que tivo esta aposta pola accesibilidade, a firma abriu tamén en 2013 PMR Automoción, un taller especializado en reparación de plataformas elevadoras e mecanismos de accesibilidade, para o seu propio mantemento e o doutras empresas de autocares e asociacións de discapacitados con vehículos adaptados.

28 de outubro de 2014 | 19:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.