A execución da rede separativa no saneamento do núcleo de Sardiñeiro contará cuha achega da Xunta de 210.000 euros
A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou esta mañá o concello de Fisterra, onde mantivo unha reunión de traballo co alcalde, José Manuel Traba, para analizar o proxecto de construción dunha rede separativa no núcleo de Sardiñeiro, que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia (DOG) e que terá un prazo de execución de catro meses unha vez se adxudiquen as obras.
O Goberno, a través de Augas de Galicia, destina unha achega de 210.650 euros para a realización destes traballos hidráulicos, que servirán para reparar as deficiencias existentes na rede de saneamento desta área. Na actualidade, o núcleo de Sardiñeiro de Abaixo conta cunha rede de saneamento separativa, pero os colectores atópanse moi deteriorados debido á súa antigüidade e presentan filtracións. Ademais, existen outras zonas nas que hai un saneamento unitario que está conectado á parte máis baixa do colector e en épocas de chuvias prodúcese unha achega inaceptable de augas limpas á rede, o que provoca un gasto excesivo de enerxía da estación depuradora de augas residuais (EDAR).
Así, para solucionar estes problemas, proxectouse a instalación de sete colectores cunha lonxitude total de 858,4 metros, que substituirán aos existentes ao atoparse en mal estado de conservación. Os colectores 1 e 1.1 corresponden ao tramo que se executará no parque infantil de Sardiñeiro de Abaixo, mentres que o colector 2 instalarase na beirarrúa da estrada AC-445. Cos colectores 3 e 3.1 habilitarase unha rede separativa para recoller as augas fecais das edificacións e deixaranse os colectores existentes como rede de pluviais. O colector 4 colocarase na marxe dun vieiro municipal e, por último, o colector 5 irá na marxe dereita da AC-445.
“Coa combinación desta intervención e o funcionamento da EDAR de Fisterra, soluciónase de xeito integral o saneamento da zona, evitando os vertidos de augas residuais á praia do Sardiñeiro”, manifestou Do Campo. Segundo indicou a delegada territorial, esta actuación forma parte do compromiso do Executivo autonómico para resolver as carencias nas infraestruturas dos concellos galegas, co fin de favorecer o seu desenvolvemento económico e social. No caso de Fisterra, a obra licitada hoxe dará servizo a unha poboación de máis de 720 habitantes.