A Escola de Enfermería de Pontevedra conmemora o seu cuadraxésimo aniversario
A Escola de Enfermería conmemora o xoves 30 de outubro o seu cuadraxésimo aniversario cun acto ó que están convidados todos os docentes, alumnos e persoal de administración e servizos que, ó longo deste 40 anos de historia, se formaron ou traballaron neste centro.
A celebración comezará ás 19:30 h no salón de actos do centro (4ª planta do edificio de consultas do Hospital Provincial) e servirá de homenaxe e recoñecemento a todos os que, ó longo destas catro décadas, desenvolveron o seu labor na Escola de Enfermería, así como ós preto de 2.000 alumnos que se formaron nela.
O acto, ó que está previsto que asistan representantes tanto da Deputación de Pontevedra (organismo titular do centro) coma da Universidade de Vigo e do Sergas, comezará coa intervención de Miguel Piñón Cimadevila, testemuña de excepción dos 40 anos de vida da Escola de Enfermería, da que agora é director e na que exerceu a docencia desde a súa creación en 1974.
Deseguido outro veterano da Escola de Enfermería, docente tamén desde a súa fundación, José Luis Vázquez Rey, fará unha glosa da historia do centro, do que foi director entre 1992 e 2010.
Unha clase maxistral a cargo de M.ª Sonia Domínguez Rodríguez (número 1 da primeira promoción de Graduados en Enfermería) sobre Anticoagulantes orais: coñecemento nos pacientes ambulatorios completará o acto.
Na actualidade a Escola de Enfermería conta con máis de 200 alumnos. A gran maioría (50 por curso) están matriculados nalgún dos catro cursos que compoñen o Grao de Enfermería, mentres que algo máis dunha ducia de alumnos están a rematar a diplomatura e outra decena están no curso ponte que lles permitirá pasar da diplomatura ó grao.











