A escala do Adventure of the Seas e o Emerald Princess deixa a 9.000 persoas no Porto de Vigo nunha soa xornada
Preto de 9.000 persoas, entre pasaxeiros e tripulación, chegarán hoxe a Vigo a bordo do Adventure of the Seas e o Emerald Princess. O primeiro en chegar ao Peirao de Transatlánticos foi o buque pertencente á naviera Royal Caribbean. Procedente de Southampton (Gran Bretaña), chegou a Vigo ás 08.00 horas e está previsto que leve áncoras ás 17.00, momento no que porá rumbo a Lisboa (Portugal). Durante a súa estancia na nosa cidade, o Adventure of the Seas trouxo a bordo un total de 3.665 pasaxeiros de 39 nacionalidades distintas (3.156 británicos), ademais de 1.172 tripulantes.
Pola súa banda, o Emerald Princess facía a súa chegada sobre as 09.00 horas procedente de Lle Havre (Francia). A súa partida rumbo a Lisboa (Portugal) está prevista ás 18.00 horas. Aos máis de 3.000 pasaxeiros que trouxo a bordo dun total de 30 nacionalidades distintas (2.068 americanos), hai que sumarlles 1.130 tripulantes.
Balance outubro
Con esta dobre escala, a dársena viguesa pon fin ao tráfico de cruceiros do mes de outubro que, xunto con setembro, foron dous dos meses máis destacados do ano.
Este mes que xa conclúe, arrincou coa tripla escala do Adventure of the Seas, o MSC Opera e o Thomson Spirit. Tres xigantes do mar que superaron a cifra de 8.500 turistas (6.400 pasaxeiros e 2.300 tripulantes, aproximadamente), producíndose, ademais, a última escala do presente ano en canto a embarque/desembarque a bordo do MSC Opera.
Cun total de 16 escalas, outubro superou os datos de setembro en canto a número de pasaxeiros e tripulantes con máis de 60.000 turistas, aínda que, o mes de setembro foi o máis importante do ano en canto a número de escalas, cun total de 20 e 56.000 persoas a bordo.
Así mesmo, das 16 escalas de outubro, destacan especialmente 8 delas, ao superar a cifra dos 3.000 pasaxeiros nunha única xornada, como é o caso da protagonizada o pasado 18 de outubro polo Oasis of the Seas, a dobre escala do Independence of the Seas o 11 e o 15 deste mes, as tres arribadas do Adventure of the Seas o 1, o 24 e o 28, e as dúas do Emerald Princess, o 23 e o 28.
Datos Adventure of the Seas
Construído en 2001, o Adventure of the Seas ten 311 metros de eslora e 47 de manga. O buque dispón, ademais, dun total de 15 cubertas repletas de actividades e opcións de lecer e aloxamento. Así, no seu interior, destacan innovacións exclusivas e pioneiras, como a pista de patinaxe ou o rocódromo, a máis de 60 metros sobre o mar, e o campo de golf.
Así mesmo, dispón dun ximnasio con magníficas vistas ao mar e un Spa ShipShape, con barbaría e salón de beleza. Outra das súas características é a Royal Promenade, unha avenida interior cunha altura de catro cubertas e unha lonxitude superior a dous campos de fútbol, que ofrece unha fantástica selección de opcións de restauración, lecer e tendas.
O Adventure of the Seas dispón, ademais, de cuberta superior e solárium con piscina cuberta, piscina de hidromasaxe e cafetaría, así como piscina familiar Adventure Beach con tobogán de auga. O Casino Royale, o casino flotante máis grande do mundo, ofrece todo tipo de xogos, incluído o Blackjack, a ruleta, o crap, o Caribbean Stud Poker, o videopoker e máquinas comecartos. Pola súa banda, os amantes da lectura teñen á súa disposición unha biblioteca en dúas cubertas con máis de 3.000 libros.
Os hóspedes dispoñen, ademais de varias opcións de aloxamento, desde as luxosas suites Royal, ás cabinas interiores con vistas ao Royal Promenade. Destaca tamén o espectacular comedor de 3 pisos e a ampla variedade de restaurantes, desde o ambiente informal tipicamente americano de Johnny Rockets, ás especialidades italianas de Portofino.
E para os momentos de lecer, cine coas últimas películas, un magnífico teatro de cinco pisos con musicais ao estilo Broadway e actuacións especiais, así como unha ampla selección de bares e pubs, incluídos o Bar Schiiner, Bar Aquarium, Bar Champagne e Bar Pool, e discotecas.
Por último, os cruceristas poderán gozar dun campo de deportes regulamentario para partidos de baloncesto e voleibol e de instalacións Adventure Ocean para os máis novos, con actividades supervisadas por monitores con comedor propio, discoteca e sala de videoxogos.
Datos Emerald Princess
Con 290 metros de eslora e 36 de manga, o Emerald Princess conta con amplos espazos abertos, grandes terrazas e refrescantes piscinas. Á hora para comer, o pasaxeiro poderá elixir entre elegantes restaurantes como Sabatini´s ou Crown Grill, ou restaurantes máis informais como o buffet 24 horas e o Café Caribe.
Así mesmo, poderá gozar de luxosos tratamentos corporais ou de beleza no Lotus Spa e manterse en forma no ximnasio, o Lotus Fitness Center. O Emerald Princess tamén pon a disposición do pasaxeiro unha pantalla de cine ao aire libre, o Movies Under the Stars, varios bares e salas de estar, un simulador de golf, un programa extenso para mozos, así como o Sanctuary, un recuncho do buque exclusivo para adultos, e case 900 camarotes con balcón.
Princess Cruises é unha compañía de cruceiros con sede en California. Fundada en 1965, a compañía fíxose famosa pola serie de televisión “El Crucero del Amor”, onde apareceron dous dos seus buques, o Island Princess e o Pacific Princess. En maio de 2013, o novo Royal Princess converteríase no buque insignia de Princess Cruises. Actualmente, a compañía opera con 16 barcos.











