A Deputación de Pontevedra pon en marcha 43 cursos de capacitación tecnolóxica para autónomos e microempresas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra pon en marcha un novo bloque de actividades de capacitación tecnolóxica para autónomos, microempresas e desempregados que queiran emprender. Desenvolverase ó longo do mes de outubro e constará de 43 xornadas formativas que se impartirán nos Centros  Provinciais de Asesoramento Empresarial (CPAE 2.0) situados en Lalín, Cambados, O Porriño, Ponteareas, Pontevedra e Vigo.

Estes cursos súmanse ás 75 xornadas desenvolvidas nos meses de xullo e setembro, nas que participaron máis de 500 empresarios de toda a provincia. Entre os temas abordados os que máis interese espertaron entre o pequeno empresariado da provincia figuran o márketing dixital e o de redes sociais aplicado ós negocios, xa que un dos obxectivos que buscan, por medio da introdución das Novas Tecnoloxías nas súas empresas, é mellorar a promoción e venda de produtos e servizos.

No mes de outubro seguirase afondando nestes temas e introduciranse outros novos que poden resultar de grande utilidade, coma as implicacións legais da venda de produtos a través da rede (eCommerce) ou os activos intanxibles.

As sesións maxistrais de eCommerce serán impartidos por Fernando Fernández Miranda e Cristina Villasante, de PwC Tax & Legal Services, con máis de nove anos de experiencia laboral. Ambos os dous están especializados en aspectos relacionados coa propiedade intelectual, o eCommerce, o márketing e a publicidade en liña, así como a actividade comercial de empresas a través das redes sociais.

Ademais, en cada punto CPAE 2.0 da provincia haberá un curso sobre os activos intanxibles, as licenzas de software e os conceptos básicos de propiedade intelectual, que serán impartidos tamén por Fernando Fernández e Cristina Villasante.

Os CPAE de Ponteareas e do Porriño acollerán tamén sesións formativas sobre seguridade informática, que serán impartidos por Jorge Pasamón, senior manager de PwC Auditores, con máis de 12 anos de experiencia e especializado en diversos ámbitos de seguridade informática e tecnoloxía.

Outras temáticas que se tratarán nas sesións de capacitación tecnolóxica de outubro serán as aplicacións empresariais esenciais para pemes e profesionais autónomos; as redes sociais orientadas á venda e á atención ó cliente; presenza online; recomendación e manexo de aplicacións básicas; cómo utilizar eficientemente Google, Google apps for Business; recursos e ferramentas para os negocios; almacenamento na nube; comercio electrónico para micropemes ou aplicacións móbiles para as pequenas empresas.

A Deputación ten á disposición das persoas interesadas un portal web no que se pode acceder á programación completa dos obradoiros (www.cpae20.depo.es), así como os servizos de asesoramento personalizado que estes centros lles ofrecen ós autónomos e microempresas.

1 de outubro de 2014 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.