A Deputación de Pontevedra destina 84.000 euros á mellora de 10 camiños rurais en Pontecesures
A Deputación de Pontevedra vén de conceder unha subvención de 83.937,35 euros ao concello de Pontecesures para obras de mellora de 10 camiños rurais do municipio.
A subvención forma parte do Plan Urxente de Mantemento de Servizos e Infraestruturas Municipais e ten por obxecto facilitarlle ao concello o financiamento de actuacións orientadas a mellorar a rede viaria municipal.
Así, nas rúas Mimosas, Regadío, Condide e Grovas e na travesía entre a Avenida Namorados e a Avenida Arousa procederase a mellora do firme, que actualmente é de pavimento asfáltico e está moi deteriorado. Para corrixir esta situación, aplicarase unha nova capa de rodadura de bituminosa en quente. Na rúa Fontaíña actuarase nun pequeno treito moi deteriorado, procedendo a aplicar unha nova capa de rodadura.
Noutro dos viais, o camiño á rúa Mimosas, procederase á súa pavimentación, xa que actualmente está en terra.
Finalmente, instalarase un paso de peóns elevado na rúa Portarraxoi; dous na rúa San Lois e outro na rúa Sagasta.