A Deputación de Pontevedra catalogará todos os activos municipais
O Pleno da Corporación provincial aprobou hoxe, cos votos favorables do PP e PSOE e a abstención do BNG, o expediente de contratación do proxecto DepoGap, co que a Deputación de Pontevedra pretende avanzar na mellora da xestión de activos municipais. O proxecto conta cun orzamento de 6,9 millóns de euros, dos cales o 70% son achegados polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
O proxecto representará a creación dun inventario de todos os activos municipais e da propia institución provincial, así como o deseño e implantación de ferramentas tecnolóxicas que permitan mellorar a súa xestión.
Elaborarase un inventario que permitirá coñecer polo miúdo a cifra, características, localización e estado de conservación de edificios administrativos, edificios culturais e cívicos, centros sanitarios, docentes e asistenciais, tanatorios, cemiterios, matadoiros, parques e xardíns, instalacións deportivas, redes de abastecemento e saneamento, estacións de tratamento de augas residuais, EDAR, rede de vías públicas, iluminación pública (puntos de luz, cadros eléctricos….), redes de gas, eléctricas e de telecomunicacións, vertedoiros e puntos limpos, contedores de lixo, parque móbil, mobiliario urbano, bens mobles históricos, dereitos reais e revertibles, e créditos e dereitos persoais a favor dos concellos.
Actualización permanente
Trátase dunha información de gran valor para a xestión municipal, que é fundamental manter actualizada.
Por iso outro dos traballos centrais de DepoGap será a implantación dun catálogo de normas e procedementos normalizados que permitan a actualización permanente dos datos de forma sinxela e eficaz.
Estes traballos de actualización facilitaranse coa creación de ferramentas tecnolóxicas específicas. Así, porase en marcha unha plataforma de xestión de activos, unha ferramenta informática que permitirá manter actualizada a información e manexala para unha mellor xestión. Incluirá un cadro de mandos con indicadores de utilidade coma consumo de auga e enerxía, aviso de consumos inapropiados (poden, por exemplo, avisar dunha fuga de auga na rede) e outros datos útiles para a toma de decisións por parte dos rexedores e responsables municipais.
A estas ferramentas sumarase un portal web e unha aplicación para dispositivos móbiles desde os cales os veciños non só poderán consultar información pública senón enviar incidencias e avisos. Por exemplo, poderán comunicar se atopan un banco ou un contedor roto, se hai fallos na iluminación pública, nas redes de auga ou saneamento.
Esas incidencias quedarán rexistradas na plataforma de xestión de activos, que enviará de forma automática avisos ós responsables de mantemento para que corrixan as deficiencias. Así mesmo, o cidadán recibirá resposta con información sobre a resolución da incidencia comunicada.
Eficiencia enerxética
Finalmente, o proxecto de xestión de activos inclúe un apartado específico dedicado á eficiencia enerxética, co que se trata de realizar unha serie de probas piloto en diferentes espazos para comprobar cal é a mellor solución para cada ámbito de actuación.
A empresa que resulte adxudicataria do proxecto realizará probas piloto de eficiencia enerxética na iluminación pública, substituíndo as lámpadas convencionais por outras de alta eficiencia enerxética e instalando sistemas de xestión que permitan monitorizar o consumo e valorar a eficiencia e viabilidade do novo modelo de iluminación.
Para determinar solucións eficaces en edificios públicos faranse probas en 250 inmobles, entre os que se incluirán todas as casas do concello, o Pazo provincial e o Edificio Administrativo. Implantaranse sensores e equipos de telexestión que permitan analizar e controlar o consumo.
Para testar sistemas eficaces nas instalacións deportivas –moi numerosas na provincia de Pontevedra e que habitualmente rexistran un consumo enerxético elevado– faranse probas piloto nun estadio municipal de fútbol, por medio da instalación de sensores e sistemas de monitorización de consumo de enerxía e auga.
A promoción do aforro enerxético estenderase tamén ós fogares, para os que está prevista a realización de talleres de sensibilización e concienciación sobre o uso eficiente da enerxía, así como a instalación de sensores e sistemas de monitorización de consumo en 200 fogares da provincia para obter información de consumo e demostrar a eficacia das medidas de aforro enerxético.











