A Deputación da Coruña pon en marcha o Encontro Empresas e Concellos
O presidente da Deputación, Diego Calvo, presentou esta mañá na sede provincial o primeiro Encontro Empresas e Concellos que se celebrará en Expocoruña os días 26, 27 e 28 de novembro.
Con esta nova feira “pioneira” en Galicia preténdese que os 93 municipios da provincia poidan coñecer os servizos existentes no mercado e as novidades que poñen ao seu dispor diferentes empresas especializadas en diversos sectores, que a través deste foro poderán presentar aos concellos os seus produtos e servizos.
“Facémolo pensando sobre todo nos concellos menores de 20.000 habitantes que, por razóns orzamentarias ou incluso de situación xeográfica, non son quen de acceder a certos servizos innovadores, sobre todo no eido tecnolóxico”, declarou Calvo.
O prezo por participar nesta feira é de 275 euros os tres días, asequible para que todas as empresas teñan a posibilidade de participar. Segundo explicou o presidente, ata o de agora xa se interesaron por acudir a este evento máis de 30 firmas. O obxectivo é reunir entre 60 e 80. Así, haberá presenza de todos os sectores, tales como formación, consultoría e xestión; servizos sociais e asistencias; enerxía e ambiente; turismo, ocio e cultura; e transportes; novas tecnoloxías e innovación e todo o relacionado co medio rural, como pode ser a agricultura, a pesca, a caza, as podas, as talas ou os desbraves…
A entrada será gratuíta co obxectivo de que os técnicos municipais e incluso os propios alcaldes teñan a posibilidade de contratar, incluso de xeito mancomunado, diferentes servizos empresariais aos que a diario non teñen acceso.
A día de hoxe, a Deputación xa lles comunicou aos 93 concellos da provincia a existencia deste evento e cando estea pechado o programa volverse informar del.
Ademais dos stands que se instalarán no recinto feiral, de libre acceso para todos os interesados, as xornadas completaranse cun networking, mesas redondas e un calendario de presentacións para as empresas que estean interesadas en presentar un produto concreto.
“O encontro nace con vocación de perdurar no tempo e con vontade de ir aprendendo, pero sobre todo coa intención de facilitarlles aos concellos máis pequenos o acceso a diferentes servizos”, aclarou Calvo, que invitou a todos os concellos e ás empresas interesadas a participar neste encontro.











