A Deputación da Coruña inviste 42.000 euros na promoción e dinamización de Santiago
A Deputación volve apoiar a promoción e dinamización da cidade de Santiago de Compostela a través dun acordo coa Asociación de Empresarios e Profesionais Compostela Monumental por valor de preto de 42.000 euros.
A agrupación recibe 41.250 euros dos fondos provinciais para realizar varias campañas de dinamización comercial como a celebración do VIII Congreso de Comercio. Inclúense accións de promoción na rúa, de fidelización de clientes e sinalización comercial.
O presidente da Deputación, Diego Calvo, asinou o convenio co portavoz da asociación, José Manuel Bello Rey, que agradeceu a axuda da institución provincial. A achega representa o 72,37% dun custo total de 57.000 euros.
Na sinatura do convenio estivo presente o alcalde de Santiago, Agustín Hernández, que agradeceu o compromiso da Deputación coa cidade, en especial no que se refire a campañas de promoción.
Cultura e Turismo
Este investimento súmase aos 327.000 euros que a Deputación xa facilitou ao longo dos últimos meses á capital galega para distintos proxectos. Un deles serviu para apoiar unha campaña en liña para a promoción de Compostela en Europa con 100.000 euros. A Deputación asumiu o 76,92% do orzamento total, que ascendeu a 130.000 euros.
A institución provincial tamén financiou o 80% do custo do Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuíto, un total de 112.000 euros, que se celebrou ao longo deste mes e que incluíu non só un concurso de curtas, senón programas temáticos e demais actividades complementarias como son o Mercado Internacional de Curtametraxes, un encontro dos centros audiovisuais de Galicia, actividades educativas, charlas, cafés-coloquio e mesas redondas.
Por outra banda, un ano máis a Deputación renovou a súa colaboración co Plan de competitividade turística a través de 115.000 euros, o 80% do orzamento total. Con esta achega fináncianse feiras de turismo, presentacións e workshops, eventos gastronómicos… Tamén se inclúe neste acordo o financiamento da web coa recollida e edición de contidos, análise e tratamento de datos.
Dinamización da economía local
Tras a sinatura do convenio, Diego Calvo salientou a importancia de apoiar Santiago de Compostela para que “manteña e mellore a súa proxección internacional”. Así, “dende a Deputación apostamos por accións de promoción que non só dean a coñecer as nosas virtudes no exterior, senón que dinamicen a economía local”.











