A Deputación da Coruña entrega o proxecto de modernización das instalacións da Garda Civil de Ferrol que custará 2,2 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFerrolLocal Portada
A-
A+

A sede da Deputación da Coruña foi escenario esta tarde dunha reunión da comisión de seguimento encargada de avaliar o estado das actuacións previstas no convenio asinado en marzo do ano 2013 entre Diego Calvo e o director xeral da Garda Civil, Arsenio Fernández de Mesa.

Naquel acordo fixábase un investimento de 250.000 euros por parte da institución provincial para diferentes actuacións urxentes e necesarias en acuartelamentos da provincia.

Como resultado dos estudos, decidiuse intervir en Irixoa, Arzúa, Miño e A Coruña e, a maiores, asumir os custos de redacción do proxecto de rehabilitación integral do cuartel da Garda Civil en Ferrol.

Precisamente no encontro celebrado este tarde, coa participación tanto de Calvo como de Fernández de Mesa e do alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, presentouse este proxecto, encargado pola Deputación e que ascende, nunha primeira fase, a un investimento de 2,2 millóns de euros que, segundo explicou o director xeral da Garda Civil, serán asumidos polo Ministerio do Interior a través da Xerencia de Infraestruturas.

“Estamos a falar dun proxecto tremendamente importante, cun investimento moi notable e para unhas instalacións que necesitan dunha reforma urxente”, asegurou Calvo. Fernández de Mesa, pola súa banda, lembrou que no cuartel de Ferrol non se realiza ningunha actuación de mellora de instalacións desde o ano1952, cuestión que tamén salientou o rexedor José Manuel Rey. 

O proxecto

O estudo prevé a reordenación dalgúns servizos, como é situar a sede da Compañía, Intervención de Armas, e a Patrulla Fiscal e de Fronteiras no bloque número un. O bloque número 4 manterá o destacamento de Tráfico, mentres que no número seis traballarán os axentes da Área de Seguridade, do EMUME (equipo muller-menor) e da policía xudicial.

Ademais, e dentro da rehabilitación integral destas instalacións, está prevista a instalación de ascensores en cada bloque, así como ramplas que garantan o acceso independente para cada módulo. Mellorarase tamén a eficiencia enerxética da edificación, o que suporá a rehabilitación das fachadas cun moderno sistema de illamento polo exterior e a renovación de toda a carpintería exterior colocando dobre acristalamento e rotura de ponte térmica.

Substitución integral da cuberta

A actuación na cuberta inclúe a súa substitución integral, tanto no que se refire á cubrición como á estrutura. 

Os traballos completaranse con novas instalacións de fontanería, saneamento, electricidade, climatización e telecomunicacións, todas elas con solucións mediante o uso de sistemas de alta eficiencia enerxética como unha caldeira de biomasa.

Por último, o proxecto recolle a renovación da garita de control de acceso, que se verá ampliada cun novo módulo para o cuarto de instalacións.

Irixoa, Arzúa, Miño e A Coruña

No cuartel de Irixoa, as actuacións realizadas e xa rematadas consistiron na instalación de calefacción nas seis vivendas e nas dependencias oficiais cun investimento de 51.391,22 euros.

En Arzúa as obras pasaron pola renovación das tubaxes, tanto nas vivendas como nas oficinas para evitar as continuas fugas de auga. En total, o custo dos traballos ascendeu a 39.326,21 euros.

Os traballos no cuartel de Miño, cun orzamento de 79.681 euros, supoñen a ampliación das dependencias actuais e están a piques de comezar, unha vez resolto o traslado dos axentes a un local anexo mentres dure a intervención. O obxectivo das obras pasa por delimitar os seguintes espazos: oficina de atención ao público, oficina de muller/menor, atención ao cidadán; despacho do comandante de posto; salas de interrogatorio-identificación; sala de academias; arquivo; almacén; vestiarios e aseos.

Finalmente, no relativo ao acuartelamento da Coruña, cóntase cun orzamento de 58.857 euros para a instalación de climatización en diversos puntos. Esta actuación está pendente de licitación.

O custo de todas estas actuacións, así como a redacción do proxecto de reforma do cuartel de Ferrol, son asumidas con cargo aos 250.000 euros que comprometeu a Deputación no convenio coa Dirección Xeral da Garda Civil. 

13 de outubro de 2014 | 18:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.