A Deputación aprobará 382.000 euros para a mellora da intersección da EP Cerdedo-Santo Domingo coa N-541 en Cerdedo
A Deputación de Pontevedra aprobará mañá, en sesión plenaria, o proxecto de mellora da intersección da EP Cerdedo-Santo Domingo coa N-541 en Cerdedo. O proxecto ten un orzamento de 382.330 € e un prazo de execución de 6 meses.
A actuación prevista representará, así mesmo, melloras na intersección desta estrada provincial coa vía municipal que conduce á praia fluvial de Cerdedo.
Na actualidade ambas as interseccións teñen un ángulo moi reducido, o que, unido a unha forte pendente e a un pronunciado cambio de rasante, fai moi perigoso este punto da vía, algo que se incrementa pola escasa visibilidade, que obriga os vehículos a ocupar parte da calzada da N-541 antes de realizaren a incorporación.
A primeira das interseccións sitúase no punto quilómetrico 64,4 da N-541, onde se sitúa o acceso a poboacións coma Barro, Meijide, Abelaíndo e Carballás. A segunda está a 200 m da primeira, na estrada municipal que leva á praia fluvial e ós núcleos de Cabenca, Revolta e Lourido.
Nas dúas a actuación da Deputación consistirá, sobre todo, en ampliar os raios de xiro e en ensanchar as plataformas.











