A D.O. Ribeiro amosou en Barcelona a revolución dos seus viños

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorOurense
A-
A+
Presentación dos viños do Ribeiro en Barcelona

Presentación dos viños do Ribeiro en Barcelona

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro presentou onte á noite os seus viños en Barcelona cunha festa no Eurostars Grand Marina Hotel na que se reuniron máis de 200 profesionais entre os que estaban grandes e medianos distribuidores, prensa especializada, sumilleres, responsables de compras e restauradores de prestixio, así como algúns representantes da comunidade galega en Catalunya.

Ademais da información sobre o conxunto da D.O. máis antiga de Galicia, os asistentes puideron coñecer de primeira man os viños de 13 adegas: Valdavia, Alanís, A Portela, Casal de Armán, Cunqueiro, Eduardo Peña, Finca Viñoa, Pousadoiro, Ramón do Casar, Rodríguez Méndez, Terra do Castelo, Viña Costeira e Viña Reboreda.

O presidente do CRDO Ribeiro, Miguel Ángel Viso, expuxo o momento de inflexión que viven os seus viños, unha auténtica “revolución” guiada por un Plan Director con catro alicerces:

– A herdanza histórica do Ribeiro como a D.O. máis antiga de Galicia e unha das primeiras de España en tradición e cultura vitivinícola.

– A calidade dos viños desta histórica D.O., enmarcados nunha aposta estratéxica polas variedades autóctonas, o I+D+i e máis a mellora continua da cadea de valor.

– O desenvolvemento dos modelos de xestión empresarial, marcados pola correcta iniciativa privada, a mellor xestión dos recursos, a orientación cliente/mercado, a eficiencia nos investimentos e proxectos, xunto coa paixón no desempeño.

– A imaxe de Marca, que é percibida de xeito inmediato o cliente final. O Ribeiro potencia a súa imaxe, multiplicando esforzos para difundiren os seus valores e polos en valor

A festa presentación foi conducida pola sumiller Meritxell Falgueras e contou con música ao vivo.

Os viños do Ribeiro, no programa e a feira profesional do Fòrum Gastronòmic

Ademais, a Denominación de Orixe Ribeiro está presente en Barcelona cun calendario de accións que divulga a calidade dos seus viños a un público profesional e prescriptor, ao mesmo tempo que amplía mercados cunha misión comercial, composta por 13 adegas pertencentes á Denominación.

A capital catalá acolle o Fòrum Gastronòmic ata hoxe e un posto de deseño promovido desde o Consello Regulador serve como eixo da súa proposta na feira profesional, nel tamén teñen presenza as 13 adegas xa referidas.

Os viños do Ribeiro tamén teñen o seu protagonismo no propio programa do Fòrum Gastronòmic. Algúns dos seus viños con aptitudes acaídas para envelleceren en botella, os denominados viños de garda, foron o centro dunha sesión que se celebrou onte, conxugando as súas virtudes coas propostas gastronómicas de Diego López (restaurante A Molinera, Lalín), o “cociñeiro do ano” no Fórum Coruña 2014.

As adegas que acudiron a Barcelona puidéronse reunir con distribuidores e outros profesionais do sector, que traballan en Catalunya ou se desprazaron  por mor do Fòrum. Estas reunións son froito da misión comercial que auspicia o Consello Regulador desde hai algunhas semanas e que pode axudar a que medren as vendas dos seus viños en Catalunya, que é un mercado vocacional e estratéxico para os viños do Ribeiro.

23 de outubro de 2014 | 13:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.