A Coruña recibirá en novembro a obra de Eduardo Chillida

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, acompañada pola coordinadora da exposición Preguntas de Eduardo Chillida, Teresa Porto, presentou esta mañá a mostra do escultor vasco que acollerá o Kiosko Alfonso, entre o 21 de novembro e o 31 de xaneiro de 2015.

“Hoxe cumprimos cun soño desta Concellaría, do Goberno municipal e da cidade: lograr que A Coruña, veciños e visitantes, poidan gozar, por primeira vez, dunha exposición dun artista crave na evolución artística nacional e internacional do século XX”, destacou a tenente de alcalde,“Falamos dunha oportunidade única para gozar da obra de Chillida -continuou Fernández-, da variedade e riqueza da súa produción, da súa procura constante de novas formas e materiais, a pervivencia das raíces na súa obra e a súa inconfundible expresividade; pero, tamén, falamos dun acontecemento inigualable porque esta exposición xorde do profundo coñecemento e sensibilidade que pode ter un fillo sobre a obra do seu pai; neste caso, Ignacio Chillida, comisario da exposición”.

Neste sentido, a mostra contará con 84 obras cedidas pola familia a través do Museo Chillida – Leku, dun total de 85. Entre elas, esculturas, gravitaciones, debuxos, collages ou gravados. Baixo o nome Preguntas, que fai referencia ao título do libro que Eduardo Chillida leu durante o seu nomeamento como Membro Honorario da Real Academia de San Fernando (Madrid, 1994), a exposición articularase en dúas plantas. A primeira presenta unha diversa selección de esculturas e obras en papel, xunto ás páxinas deste libro a gran escala. A segunda, está dedicada á obra gráfica e libros de artista do escultor. “Toda a mostra foi deseñada cunha clara intención didáctica xa que a diversidade de materiais e formas que a compoñen son unha viaxe apaixonante ao mundo persoal do artista”, destacou.

Ana Fernández destacou o compromiso do Goberno municipal por ofrecer programación cultural e expositiva estable, de calidade e de acceso libre a todos os veciños e visitantes. Neste sentido, lembrou a importancia de contar cun dos artistas máis influentes da historia, tanto polo seu traballo na escultura como polo seu dominio dos materiais e o espazo. “A súa obra está presente nos grandes museos e coleccións de todo o mundo e as súas esculturas atópanse en lugares tan marabillosos como o mar de San Sebastián, que acolle o famoso Peite do vento, cuxa maqueta poderemos ver na mostra, ademais de en cidades como Washington, París, Lund, Madrid, Helsinqui, Basilea, Palma de Mallorca, Guernica ou Madrid. Sobre a súa obra escribiron arquitectos, matemáticos, filósofos como Martín Heidegger e Emile Cioran ou poetas como Octavio Paz”, concluíu Ana Fernández.

 

31 de outubro de 2014 | 19:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.