A colaboración da Xunta e o Estado mobilizará 250 millóns de euros para mellorar o saneamento integral da ría de Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFerrolLocal Portada
A-
A+
O director de Augas de Galicia en Ferrol

O director de Augas de Galicia en Ferrol

O director de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, destaca que a colaboración interadministrativa que se estableceu entre a Xunta de Galicia e o Goberno central, e na que participan os concellos ubicados na ría, permitiu mobilizar máis de 250 millóns de euros para mellorara o saneamento integral da Ría de Ferrol. Así o puxo de manifesto esta maña durante a visita para coñecer o estado actual das obras dos interceptores da marxe dereita da ría de Ferrol, onde salientou que a consignación de 17 millóns de euros nos orzamentos de 2015 son unha nova mostra do compromiso do Estado coa Ría de Ferrol e con Galicia, en xeral.

Destacou que na actualidade, ambas administracións teñen en execución obras nesta ría por un importe de arredor de 45 millóns de euros, cofinanciados nun 90% polo Estado e nun 10% pola Xunta, e que supoñen a construción de máis de 13 Km de novos colectores e impulsións, a rehabilitación doutros 10 km de colectores, e a construción de 12 tanques de tormenta.

Unha actuación que garante as necesidades de saneamento futuro tanto da poboación como da industria (156.000 h-e), salientou o director de Augas, ao que engadiu que estas obras completarán o saneamento integral da ría de Ferrol a finais de 2015, co que se dará cumprimento aos requirimentos da directiva europea sobre saneamento e depuración. Tamén aclarou que se evitarán as verteduras contaminantes á ría, uns 45 puntos de vertido tanto na marxe dereita como na esquerda da ría de Ferrol.

O director de Augas de Galicia destacou os esforzos que ambas administracións fixeron nos últimos anos, sobre todo tendo en conta os recortes orzamentarios que se produciron, xa que do investimento total (máis de 250 millóns de euros) máis dun 77% correspóndese con obras que xa están rematadas como as depuradoras de Punta Avarenta e Cabo Prioriño, co bombeo da Malata, ou os colectores xerais de Ares, Fene e Mugardos, case 200 millóns de euros.

1 de outubro de 2014 | 13:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.