A CEO e Garrigues levan a cabo unha profunda análise da reforma fiscal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Recentemente, publicáronse diversos proxectos de Lei que constitúen a chamada reforma fiscal, aínda que até a data deixáronse á marxe outros impostos, fundamentalmente os cedidos ás Comunidades Autónomas. O proxecto de Lei de Imposto sobre Sociedades regula unha nova lei que derrogaría a actualmente en vigor, mentres que para os outros impostos (IRPF, Imposto sobre a Renda de Non Residentes, IVE e Impostos Especiais) estruturouse a reforma mediante a incorporación de modificacións aos actuais textos legais de aplicación en cada caso.

Trátase de Proxectos de Lei, polo que están actualmente sometidos ao correspondente trámite parlamentario, aínda que existen diversas propostas de modificacións que están afectadas polo coñecido como “efecto anuncio”, de forma que, de aprobarse finalmente as correspondentes reformas, terán efectos en relación a feitos impoñibles anteriores á súa entrada en vigor.

Por todo isto, e considerando o profundo calado da presente reforma tributaria, a CEO organizou unha completa xornada en colaboración co despacho Garrigues na que, ademais de tratar os obxectivos da reforma, procurouse achegar a pequenas e medianas empresas as medidas máis novas e relevantes que previsiblemente van entrar en vigor, e a forma en que estas lles poden afectar o ano 2015 e 2016. Nicolás Santos, José Antonio Gil e Francisco Soto acudiron á sede empresarial para, entre outras cousas, analizar as modificacións no IRPF relativas as escalas de gravame, mínimos persoais e familiares, indemnizacións por despedimento, produtos do aforro e outras medidas de gran interese.

Así mesmo, tamén profundaron nas medidas e conceptos introducidos no Imposto sobre Sociedades, tales como os cambios nos requisitos para a deducibilidade de gastos, amortizacións e deterioracións, as variacións introducidas para evitar a dobre imposición ou as modificacións relativas aos réximes especiais do imposto, entre outras. Finalmente, expuxeron ao público asistente diversas suxestións sobre as posibles medidas a adoptar no ano 2014 para mellorar a tributación de persoas físicas e xurídicas.

21 de outubro de 2014 | 18:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.