A Biblioteca Rego da Balsa achegará a lectura do xeito máis dinámico e aberto posible

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+
Biblioteca Rego da Balsa

Biblioteca Rego da Balsa

O venres 24 de outubro, e coincidindo co Día Internacional das Bibliotecas, inaugúrase a Biblioteca Rego da Balsa de Carballo, que nace como un “espazo dinámico para a difusión do libro e a lectura” en verbas da Concelleira de Cultura, Mar Eirís, que subliña que “todo o mundo ten cabida” nunhas instalacións pensadas para que accedan persoas de todas as idades e que cobrarán vida a través dun intenso programa de actividades. Segundo salienta Eirís, a Biblioteca Rego da Balsa está pensada “para atender unhas necesidades que non pode cubrir a biblioteca actual” e na que os libros poderán “verse de cerca, tocarse” e “participar con eles”. Haberá un oco para os máis cativos e cativas cunha “Bebeteca” para nenos e nenas de 0 a 3 anos; tamén para os adolescentes, que, segundo explica Raquel Morano, da empresa Serindoc e encargada da xestión da biblioteca, ás veces quedan excluídos da oferta cultural; e por suposto para adultos e maiores. Así mesmo, a Biblioteca conta con acceso a todos os soportes tecnolóxicos, pasando pola música, o audiovisual, o cinema, os xogos e o libro electrónico. De feito, existirá a posibilidade de usar, sen abandonar as instalacións da biblioteca, tablets ou dispositivos portátiles e para escoitar música ou ver películas; ademais da posibilidade de traer os dispositivos da casa e conectalos dentro da propia biblioteca, que ten conexión Wi-Fi. Todo para que os usuari@s sexan os protagonistas das instalacións e que poidan gozar delas nun “espazo diferente, moi agradable, con moita luz e que convida a estar”, segundo o Alcalde, Evencio Ferrero. 

Despois da inauguración do venres 24, prevista para as 19.00 horas e na que está previsto que interveñan creadores e creadoras locais, o luns 27 será o momento de apertura ao público, cun horario de luns a venres de 10.30 a 13.30 e de 16.30 a 20.30 horas e os sábados pola mañá de 10.00 a 13.00 horas. Polo de agora, todos os servizos están centralizados na planta baixa, que ten 700 metros cadrados de superficie e que inclúe tamén un pequeno auditorio con capacidade para arredor de 80 persoas. Evencio Ferrero tamén quixo resaltar que se trata dun espazo totalmente accesible, e que supera as barreiras arquitectónicas da antiga. Xa está deseñado, así mesmo, o logotipo da Biblioteca Rego da Balsa, que se converterá na imaxe xenérica para as dúas bibliotecas da vila e que consiste nunha B maiúscula cunha folla de carballo no interior -deseño de Patricia Portela-. Os fondos bibliográficos do espazo roldan os 5.000 libros, pero tamén haberá prensa diaria, revistas e material audiovisual e musical para gozar nas propias instalacións ou en aluguer. O Alcalde quixo aproveitar a rolda de prensa para presentar a Biblioteca Rego da Balsa para agradecer a doazón de 600 libros por parte de Xosé Manuel López Eirís, unha colección moi actual pero que conta tamén con xoias bibliográficas que poderán ser gozadas polos carballeses e carballesas grazas á súa xenerosidade. Raquel Morano subliña que un dos obxectivos é que os fondos bibliográficos tamén sexan algo “vivo” polo que os diferentes estantes e expositores contarán con diferentes coleccións ou monográficos que irán variando de forma periódica.

Como facerse socio da Biblioteca Rego da Balsa

Un dos obxectivos do equipo xestor da biblioteca e do Concello é facer o espazo e os seus servizos alcanzables para os veciños e veciñas. Por iso será un espazo de libre acceso. Mais para o préstamo de libros, haberá que estar dado de alta no rexistro da biblioteca. Non obstante todo estará centralizado a través do carné Carballo Porta Aberta, que é o mesmo que se emprega para acceder ás instalacións deportivas municipais. Así, os veciños e veciñas que xa sexan usuari@s das piscinas e salas fitness municipais, tan só terán que facilitar os seus datos a primeira vez que aluguen un libro e a partir dese momento xa estarán dados de alta no servizo. Poderán alugar os libros e contidos multimedia de forma totalmente gratuíta empregando o seu carné. Ferrero sinala que o obxectivo deste sistema é facilitar o acceso aos fondos da biblioteca da forma máis sinxela posible. Quen non teña a tarxeta Carballo Porta Aberta por non ser usuari@ das instalacións deportivas municipais, poderá facela por vez primeira, tamén de forma gratuíta, nas oficinas Carballo Deporte situadas na rúa Vila de Corcubión. Máis adiante, e tan pronto se actualice o software necesario, tamén poderá realizarse nas instalacións da propia biblioteca. Quen queira, poderá ser usuari@ unicamente da Biblioteca, ou unicamente das instalacións deportivas, sen ningún problema. Poderán contar con carné individual da Biblioteca as persoas maiores de 14 anos, mentres que os menores desa idade contarán cun carné asociado ao de algún adulto.

Hai que lembrar que a Biblioteca Municipal é un proxecto de Óscar Pedrós levado a cabo pola empresa Ogmios. A xestión do servizo adxudicouse a través cun concurso público e aberto á empresa Serindoc, que tamén leva a biblioteca de Narón, por un importe de de 90.508 euros anuais por un período de tres anos (con posibilidade de prórroga dun ano). A adxudicataria incluíu unha mellora sen custo adicional que supón un incremento de 432 horas de servizo. Aínda que polo momento, e dado a que o servizo será xestionado por catro persoas, o primeiro andar resérvase para actos e actividades puntuais, Raquel Morano subliña que está previsto que o servizo na Biblioteca Rego da Balsa se implante “de forma escalonada”, adaptándose pouco a pouco ás necesidades dos usuari@s e sobre todo poñendo en marcha un plan de actividades dinamizadoras para “tentar que a xente se achegue á cultura”.

22 de outubro de 2014 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.