publicidade hoxe

A Banda Municipal de Música de Lousame presenta aos novos membros e o novo repertorio nun concerto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

A Banda Municipal de Música de Lousame ofrecerá un concerto mañá venres 31 de outubro para clausurar o “Outono musical” do Concello de Lousame e que servirá de presentación dos novos membros da formación e das novas pezas que se inclúen no seu repertorio. Unha actuación organizada polo Concello de Lousame e a Banda Municipal de Música e que terá lugar ás 20:30 horas, no salón de actos da Casa da Cultura de Lousame. A entrada é libre e de balde.

O concerto terá unha duración aproximada de 55 minutos, durante os cales os 40 integrantes da Banda Municipal de Música de Lousame aproveitarán tamén para presentar algunhas pezas novas. “Empezaremos cun pasodobre, pois xa é o típico, e despois iremos presentando novas pezas para a banda e outras para os solistas”, destaca o director da banda, Fernando Froján, quen destaca que “tamén será unha oportunidade para que as novas incorporacións se vaian soltando sobre o escenario”.

Dos seus corenta membros actuais, dez son de nova incorporación este ano, procedentes dunha Escola de Música que este ano rexistra o seu récord de inscricións, con máis de oitenta alumnos e alumnas. Iso fai que a idade media dos compoñentes da Banda Municipal de Música de Lousame sexa tan só de entre 14 e 15 anos. “Levan anos na Escola de Música e teñen como obxectivo formar parte da banda. Pois agora teñen esa oportunidade e ademais serven de motivación para os novos rapaces e rapazas que entraron na escola, pois unha cousa tira da outra”, explica Fernando Froján.

Próximas actuacións

Tras o concerto de mañá venres, a seguinte actuación da banda lousamiana terá lugar o 22 de novembro, dentro da Semana Musical de Noia. E a seguinte fin de semana terá lugar a tradicional misa-concerto de Santa Icía, na igrexa de Tállara e que serve para conmemorar a primeira actuación da formación baixo a dirección de Prudencio Romo.

30 de outubro de 2014 | 19:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.