A asociación agroecolóxica A Cortiña celebra a súa primeira asemblea xeral en San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+
Asamblea xeral

Asamblea xeral

A xuntanza celebrouse no salón de plenos do Concello de San Sadurniño e a ela asistiron tanto produtores e produtoras  de toda a volta como persoas interesadas en meterse a producir en ecolóxico. De feito a asociación nace para de ofrecer asesoramento no tratamento dos problemas puntuais propios da actividade agroecolóxica, e tamén para ofrecer formación dirixida a profesionais xa con experiencia  e a quen queira emprender no sector. 

Unha das primeiras propostas foi a de crear unha páxina web que permita dar a coñecer a asociación e que, ao mesmo tempo, sirva de punto de encontro virtual no que poñer en común ideas e asuntos de debate previos ás asembleas. Na xuntanza tamén se lanzou a idea de empezar a recuperar variedades do país creando un banco de xermoplasma a partir do que se poidan obter plantas para ser cultivadas nas explotacións da zona. A maior parte dos socios e socias teñen leiras destinadas a horta, aínda que tamén existen pequenas plantacións froiteiras. Agárdase, ademais, que tamén entren formar parte da asociación experiencias gandeiras, como poden ser a crianza de aves, o ovino ou o vacún para leite e carne.

Entre os cometidos da nova organización está o de estruturar unha produción axeitada á demanda comarcal de alimentos de alta calidade e conseguidos con prácticas sustentables desde o punto de vista ambiental e social. Neste sentido quérese que a asociación sexa o punto de partida para unha futura comercialización estable e adaptada aos ciclos naturais, de aí que unha das primeiras actuacións que se pretenden levar a cabo é a planificación das producións para atender un mercado de proximidade en constante crecemento.

30 de outubro de 2014 | 22:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.