A área de Benestar de Teo busca reforzar os programas de voluntariado social
O Departamento de Benestar, dirixido por Ignacio Iglesias, busca reforzar os programas de voluntariado social con máis persoas dispostas a colaborar e participar cun tempo semanal moi escaso. En calquera das iniciativas que están funcionando pódese colaborar con só unha ou dúas horas á semana. Neste momento en Teo colaboran 25 persoas nos catro programas en marcha: no banco de alimentos veciñal, no roupeiro municipal, no programa de acompañamento ou no de apoio educativo.
Segundo explica o edil de Benestar “precisamos máis voluntarios/as, sobre todo para que as persoas que levan colaborando máis tempo teñan un respiro e as tarefas se poidan repartir mellor”. Ignacio Iglesias destaca que o voluntariado social “ten un nivel de esixencia relativamente pequena, con moi pouco tempo cada semana facemos cousas importante e a diversidade dos programas tamén permiten que as persoas dispostas a colaborar decidan en cal encaixan mellor ou para cal teñen mellor disposición”.
Os dous programas que teñen máis voluntarios/as neste momento son o banco veciñal de alimentos, que ten a sede na Casa Común de Oza e o roupeiro municipal, na escola de Rarís. Dende Benestar estase falando coas ANPAs de Teo, especialmente coa do instituto, para explicar o funcionamento dos programas e animar a aqueles mozos e mozas que queiran colaborar a coñecelos.
As persoas interesadas en ser voluntario/a ou en solicitar información poden chamar ao teléfono dos Servizos Sociais Comunitarios 981 809 707.











