A AMS convoca unha concentración de apoio á acampada Dignidade
A Asemblea de movementos sociais (AMS), plataforma integrada por movementos sociais e veciñais como a FAVEC, a Rede de Solidariedade Popular de Vigo, Colectivo Imán, Plataforma de Abusos Bancarios, Plataforma Xuntos e apoiada por organizacións políticas e sindicais como a CGT, CIG, SF Intersindical, CUT, EQUO, BNG, Alternativa Socialista de Vigo, IU, Anova … convoca unha concentración de apoio á acampada da Dignidade, situada ao pé do monte do Castro. A mesma terá lugar o día 30 de outubro ás 19:30 da tarde.
Esta acampada pretende denunciar a situación de colapso de axudas de emerxencia, das que comparten responsabilidade a Xunta e o Concello de Vigo, así como deixar patentes outras necesidades inmediatas da ciudadanía (concretadas no escrito adxunto), e esixir unha reunión urxente cos responsables institucionais a fin se poidan tratar estes puntos canto antes.
A asemblea anima a colectivos, partidos, sindicatos, activistas e veciños a que se sumen a esta concentración e axuden a dar visibilidade a unha problemática social de extrema gravedade e mostren o seu apoio ás familias que están atravesando esta penosa situación.











