Xuventude experimentada no Azkar Lugo
Si algo caracteriza ó Azkar Lugo FS é o seu coñecido traballo coa canteira, os xogadores da base soben ao primeiro equipo e outorgan a este unha especial xuventude dentro do deporte de elite. A media de idade de 21 anos xustos; isto podería supoñer un hándicap para o tamén xoven adestrador Javier Albes (40 anos), pero a situación é ben distinta posto que 14 dos 18 xogadores que compoñen o seu plantel xa debutaron en Primeira División da Liga Nacional de Fútbol Sala.
Os porteiros, Óscar Iglesias (25) e Illi (22) xa xogaron na máxima categoría con participacións importantes. O primeiro deles cumpre xa a súa sétima tempada desde o debut en Primeira División mentres que o segundo inicia a súa cuarta tempada como membro do primeiro equipo. A estes súmaselles o tamén canteirán Nacho (18) que xa contou con minutos na pretempada.
Ademais do capitán Antonio Diz (22), que empeza a súa quinta tempada na élite, outros xogadores como Diego Nuñez (21), Iago Rodríguez (21) ou Cospe (20) tiveron un peso importe durante as últimas tres tempadas en Primeira División para conseguir o obxectivo da permanencia.
Álex Diz (19) que debutou en 2013 e Adri (19) que o fixo xa no 2012 xunto con Rubén Mouriz (17) xa gozaron na pasada tempada de moitos minutos que lles fixeron crecer en experiencia de xeito exponencial. Pola súa banda, Jose López (18) realizou xa a pretempada pasada do primeiro equipo chegando tamén a debutar na máxima categoría, como tamén o fixeron Asier (18) e Porto (17).
A estes xogadores únenselles máis canteiráns que soben como Manu (21) e Javi Río (19) que levan formándose tamén na Escola Terra máis de 15 anos ata dar agora o paso á elite, aos que hai que sumar tamén a Costoya (19) cunha longa traxectoria nas categorías inferiores do club.
Óscar Iglesias, Antonio Diz, Diego Nuñez, Álex Diz, Adri e Rubén Mouriz contan ademais coa experiencia de formar parte das convocatorias da selección española sub18, sub21 ou universitaria.
Ademais, dentro da filosofía do club, a formación e educación é sumamente importante e a maioría dos xogadores compaxinan o deporte profesional cos seus estudos superiores e universitarios.
Para terminar de completar o extenso plantel canteirán só dous xogadores externos á Escola Terra de Lugo sumarán as súas experiencias á caza do obxectivo, Mimi (33) e Nacho Pedraza (29) aportarán a este novo grupo o necesario para que a película de Azkar Lugo FS de cara á tempada 2014-15 teña un final feliz: O futuro xa é presente.











