Xunta e Concello da Coruña traballan polo futuro da Fábrica de Armas para a reactivación da factoría e a recuperación do emprego

Reunión de Francisco Conde e Carlos Negreira. Foto: A. Varela
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, acompañado polo alcalde da Coruña, Carlos Negreira, mantivo hoxe un encontro con representantes do comité de empresa da Fábrica de Armas da Coruña no que abordaron o futuro da compañía tras coñecer a proposta seleccionada no concurso público do Ministerio de Defensa que se atopa en proceso de adxudicación final. Neste contexto, Conde resaltou a importancia de seguir traballando todos xuntos para reactivar a factoría e recuperar o emprego.
Así, o conselleiro, se ben indicou que a Xunta de Galicia aínda non coñece o contido final do proxecto, do que espera ter conta no momento da adxudicación definitiva, salientou a necesidade de manter o esforzo conxunto de todas as partes implicadas co obxectivo de garantir un proxecto industrial sólido con emprego de calidade.
Así mesmo, o titular de Economía e Industria recoñeceu o esforzo e a implicación dos traballadores durante todos estes meses, que ten permitido garantir a continuidade dunha empresa estratéxica para A Coruña e para Galicia. Neste sentido, resaltou a importancia do capital humano da compañía, confiando en que os empregados poidan ter continuidade nos seus postos de traballo.











