Xornadas de promoción dos bolos en Xove para os alumnos do IES Illa de Sarón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaXove
A-
A+

Un ano máis, e antes de comezar a XXVIª Tirada de Bolos Concello de Xove, o Concello de Xove, a través da súa Concellería de Deporte, xunto co IES Illa de Sarón de Xove, organizan unhas XORNADAS destinadas a promocionar o xogo dos bolos entre os alumnos/as da ESO do IES Illa de Sarón. Estas Xornadas véñense celebrando dende hai varios anos, contándose para o mesmo, como xa dixemos, coa colaboración do IES Illa de Sarón.

As xornadas van ter, polo tanto, unha doble vertente, con explicacións teóricas a cargo do Técnico de Cultura Mario Eijo, e unha parte práctica a cargo do xogador Modesto Albo, o xogador máis veterano do Concello de 85 anos, quen se vai a encargar de explicarlles de forma práctica como se tira, como hai que coller a bola, etc.

Hoxe comezaron as Xornadas ás 9.40 horas coa participación dos 10 alumnos/as de 4º de ESO. Ás 11:40 contamos cos 23 alumnos/as de 1º de ESO. Mañán continuará esta actividade con arranxo ao seguinte programa:

Martes 30 de setembro:

– 11:40 a 12:30 horas: 3º de ESO ( 12 alumnos/as).

-13:40 a 14:30 horas: 2º de ESO (26 alumnos/as)

O lugar onde se están a desenvolver estas Xornadas é a NOVA BOLERA DO IES ILLA DE SARÓN, ubicada no Patio do propio Instituto.

O obxectivo destas Xornadas, amáis da promoción deste deporte en sí, é o de incorporar novos xogadores/as á Liga de Bolos Municipal, dado que hai uns anos tivemos un baixón no número de xogadores ao retirarse moitos dos vellos xogadores e non haber relevo; debido a isto, o Concello hai 14 anos decidiu crear unha Liga Sub 16 co fin de ir preparando xogadores/as que puideran cubrir as vacantes producidas polas citadas retiradas de vellos xogadores.

Lóxicamente, por idade, o mellor sitio onde se poderían atopar novos xogadores sería o IES, dado que os alumnos/as da ESO teñan unha idade ideal para comezar neste xogo.

Dende o Concello só nos queda agradecerlle ao IES Illa de Sarón, así como a Modesto Albo, toda a colaboración prestada na organización destas Xornadas.

29 de setembro de 2014 | 16:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.