Xián Silva clasifícase como subcampión de Europa sub 21
Xián Silva (-80, Mace Sport) proclamouse hoxe en Innsbruck (Austria) subcampión de Europa sub 21, despois de facer unha excepcional competición. Chegou a final con moita superioridade e so caeu neste último combate fronte ao turco Berkcan Sungu (0-3). Mañá será o momento de Pablo Fernández, mentres que Sara Cortegoso competirá o domingo, último día do V Campionato de Europa de taekwondo sub 21, que se está a celebrar en Innsbruck coa participación de 310 deportistas.
Xián logrou a medalla de prata no Campionato de Europa júnior o pasado ano, polo que ten bastante experiencia internacional, pero chegaba co condicionante de que sufrira unha escordadura de nocello hai un par de semanas. Pero estivo a un nivel excepcional. O primeiro combate foi preciosamente o máis duro para o pontevedrés Xián Silva. Enfrontouse na primeira rolda a Stefanos Liveras (Chipre) por un axustado 7-6. Era o debut no campionato e quizais por iso sentiuse un pouco máis presionado.
Nos cuartos de final non deu opción algunha ao grego Apostolos Telikostoglou ao que superou por 5-11. Na semifinal tivo que verse as caras contra o ucraíno Denys Voronovskyy, cun triunfo tamén contundente (7-13). Na final, o rival máis duro: o turco Berkcan Sungu, que fixera ata aí un campionato impecable, con vitorias contendentes, nas que os rivais non tiveron nin a máis mínima opción. So sufriu na semifinal contra Richard Ordemann (Noruega), cun triunfo por so un punto (5-6). E na final, o turco logrou impoñerse ao galego por 0-3. Así, medalla de prata para Xián. Maña 27 de setembro sairá ao tapiz Pablo Fernández (-87 quilogramos, Mat´s).
O deportista debuta en Austria nun evento internacional coa selección española, polo que pode pagar que é un novato. “Ten gran envergadura para o seu peso e domina ben as accións coa perna adiantada e no corpo a corpo”, manifestou o seleccionador galego sub 21 Miguel Patiño. E a última en competir, o día 28 de setembro, será Sara Cortegoso (-46, Mace Sport), a máis nova de todos, con só 16 anos. Pero ten a favor que é “unha competidora que nunca da un combate por perdido, sendo moi tenaz, tal e como amosou nas remontadas espectaculares que realizou tanto en campionatos galegos coma nacionais”, asegurou Patiño. Haberá que ver como soporta a presión de competir nun Europeo.











