Xavi Carbonell expón con alma infantil no Centro Cultural da Deputación de Ourense

Presentación da exposición de Xavi Carbonell
O pintor Xavi Carbonell (Alcoi, 1971) inaugura esta tarde no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense a súa exposición “… Quen es ti?”, unha mostra recentemente chegada de Nova York, onde foi exhibida con gran éxito, e que reflicte, en palabras do artista, “a alma dos nenos, a súa inocencia e ese estilo que só os máis pequenos teñen para achegarse á creatividade”. Carbonell defínese como un apaixonado dos garabatos e dos comezos creativos dos nenos, un arte do que extrae a súa esencia e o seu significado para logo plasmalo en obras de gran e medio formato, e tamén en papel, soporte no que se deixa ver o Xavi Carbonell máis minimalista “porque me gusta ser capaz de albiscar un universo nunha simple liña, é dicir, poder expresar o máximo no mínimo”.
O artista, que esta mañá presentou a exposición acompañado polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e do director do Centro Cultural, Francisco González, dixo que o obxectivo da mostra é que o espectador “poida entrar dentro de cada cadro para reencontrase coa súa infancia e con ese mundo máxico do debuxo infantil”.
Xavi Carbonell formouse baixo a influenza do expresionismo abstracto e o debuxo automático de Cy Twombly. A súa obra forma parte de numerosas coleccións públicas e privadas, sendo seleccionada no XIII Premio de Pintura Universidade de Murcia, na III Bienal de Grabado Aguafuerte de Valladolid e en tres edicións dos Premios Bancaja de Pintura. Os seus traballos percorreron diferentes espazos expositivos de España, Estados Unidos, República Dominicana, Dubai, Exipto, Bélxica e Suecia.
A exposición que trae a Ourense inaugúrase esta tarde, ás 20.15 horas, e permanecerá exposta no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” ata o 26 de outubro. É a primeira vez que exhibe a súa obra en Galicia.











