Viúva e familiares do Médico Eduardo Mariño descobren a placa da rúa que leva o seu nome en Carballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+
Descubrimento da placa

Descubrimento da placa

O Médico Eduardo Mariño conta dende hoxe cunha rúa que leva o seu nome na capital municipal carballesa. A súa viúva, Amelia Callejo de Hoyos, foi a encargada, acompañada da familia, de destapar a placa nun sinxelo acto no que tamén estiveron presentes amigos do finado, así como representantes de todos os grupos da corporación. A filla do homenaxeado, Mónica Mariño, quixo agradecer este recoñecemento para o seu pai, falecido hai 15 anos, especialmente tamén pola situación da rúa, que ten a súa placa emprazada, precisamente, na contorna do edificio do antigo Ambulatorio e do actual Centro de Saúde e que no futuro ligará coa glorieta que se está construíndo na Avenida de Razo, a carón do Centro Comercial Bergantiños.

Comparte zona con outras rúas dedicadas a médicos ilustres como Ramón y Cajal, Gregorio Marañón ou Severo Ochoa. Mónica Mariño, lembrou a figura do seu pai, “que era moi modesto”, pero a quen, asegura, lle faría “moitísima ilusión” este xesto. Moi emocionada, rematou con verbas de recordo para o seu pai, mais tamén para o seu irmán. O acto, que a piques estivo de ser salpicado pola choiva, contou coa presenza do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; da Tenente de Alcalde, Milagros Lantes; dos voceiros de PP, TEGA E PSOE, Miguel Ángel Ferreiro, Manuel Andrade e José Antonio Viña; do deputado e médico Aurelio Núñez Centeno; e de numerosos membros da corporación como Belén Lendoiro, Luís Lamas ou Mar Eirís, entre outros.

6 de setembro de 2014 | 20:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.