Vila de Cruces percibirá 175.000 euros para acometer obras de mellora viaria
O Concello de Vila de Cruces disporá de preto de 175.000 euros para abordar varias melloras viarias no seu termo municipal. Trátase do ancheamento e acondicionamento de beirarrúas na Rúa Soto e de obras de asfaltado en varias pistas rurais de Carbia e San Pedro de Losón.
Concretamente, a Deputación de Pontevedra financiará con 106.000 euros, procedentes do Plan Urxente de Mantemento de Servizos e Infraestruturas Municipais (PUSIM), os traballos de mellora urbana nunha das arteiras de comunicación da capital do concello, como é a Rúa Soto.
Actuarase na marxe esquerda da estrada, no treito comprendido entre a Rúa Campo da Feira e Rúa Bandeira, onde se procederá a remodelar as beirarrúas, ancheándoas e substituíndo o pavimento, e mellorar os servizos urbanos (saneamento, abastecemento, iluminación….).
Unha vez finalizados os traballos, quedará unha estrada de 6,40 metros de ancho de vial, máis 2,10 metros de aparcamento na marxe esquerda da estrada, e unhas beirarrúas acordes co núcleo urbano no que se sitúan.
Así mesmo, os traballos comprenden a remodelación doutro treito de beirarrúas na marxe dereita, fronte ao Mercado Municipal, e o acondicionamento da área de acceso á Praza Juan Carlos I.
Pistas en Losón e Carbia
A maiores, a Deputación destina outros 66.185,09 euros a traballos de asfaltado en tres camiños municipais de Losón e Carbia.
Trátase da pista que une Amosa con Pastoriza (Carbia), do camiño de acceso á Igrexa de San Pedro de Losón e do camiño municipal de Losón.
No primeiro caso, un treito de un quilómetro de vial ten o firme completamente desfeito como consecuencia do paso de vehículos e dos efectos das choivas, polo que se procederá a repoñer o firme e dotalo dunha nova pavimentación. No segundo treito, de 600 metros, o mellor estado da vía só fai necesarias tarefas de bacheado .
O camiño da Igrexa de San Pedro de Losón está actualmente en zahorra e que se dotará de firme asfáltico. Finalmente, no caso do camiño municipal, presenta numerosos levantamentos do firme como consecuencia das choivas, polo que os traballos consistirán no bacheado e corrección dos desperfectos alí onde sexa preciso.











