Vigo recibe a máis de 3.000 persoas a bordo do cruceiro Celebrity Infinity

O cruceiro Celebrity Infinity na súa chegada ao porto de Vigo
O Porto de Vigo recibiu hoxe a máis de 3.000 persoas a bordo do Celebrity Infinity, en escala na cidade. O coñecido como “cruceiro do viño” atracou no Peirao de Transatlánticos ás 11.00 horas procedente de Bilbao e está previsto que sobre as 20.00 horas, aproximadamente, poña rumbo a Harwick (Gran Bretaña).
Durante a súa estancia nos peiraos olívicos trouxo a bordo a un total de 2.162 pasaxeiros de 33 nacionalidades distintas, na súa maioría británicos (1.449 pax.), ademais de 950 tripulantes.
O buque pertence á naviera Celebrity Cruises, que forma parte do grupo Royal Caribbean, e ten 294 metros de eslora e 32 de manga. O máis rechamante deste buque é a posibilidade que a naviera ofrece á pasaxe de coñecer as adegas da zona a través das excursións programadas ou gozar da gastronomía a pé de barco.
Inaugurado en marzo de 2001, o Celebrity Infinity pertence á clase Milennium de Celebrity Cruises, da que tamén forman parte os barcos Celebrity Millennium, Celebrity Summit e Celebrity Constellation. Trátase de 4 barcos de 91.000 toneladas, considerados como os máis avanzados tecnoloxicamente da flota. Cualificado como un dos mellores barcos do mundo, o Celebrity Infinity identifícase á perfección co estilo exclusivo de Celebrity Cruises. Destacan especialmente os seus restaurantes de especialidades, locais íntimos con capacidade para menos de 80 persoas e con pratos a pé de mesa. Pola súa banda, o restaurante SS United States ofrece unha cociña tentadora servida nun ambiente máis exclusivo, que lembra aos transatlánticos de outrora. O pasaxeiro poderá gozar tamén do Aquaspa, no que terá á súa disposición tratamentos inspirados en rituais de culturas exóticas. Así mesmo, o buque conta, entre outras instalacións, cun invernadoiro con vistas ao mar, The Conservatory, que foi creado por Celebrity en colaboración co recoñecido deseñador floral parisiense Emilio Robba.
Tras a escala de hoxe, o Celebrity Infinity regresará aos peiraos olívicos o próximo 27 de setembro, no que será, sen dúbida, un día histórico para o Porto de Vigo, xa que compartirá escala co cruceiro máis grande do mundo, o Oasis of the Seas. Esta dobre escala deixará na cidade a máis de 12.000 persoas nun só día. O 9 de outubro volverá recalar en augas viguesas.
Xestión comercial
Estas escalas son froito da estratexia comercial que a Autoridade Portuaria de Vigo lanzou nos últimos anos co obxectivo de reforzar o seu liderado no noroeste peninsular no tráfico de cruceristas.
Tanto é así que o Presidente da institución, Ignacio López-Chaves, participa estes días na Seatrade Med de Barcelona, o maior encontro do sector de cruceiros do Mediterráneo que terá lugar na cidade condal até o vindeiro xoves, día 18 de setembro.
Durante este encontro bianual, a institución que preside López-Chaves manterá contactos de forma conxunta coas principais navieras do sector coa finalidade de mostrar as vantaxes da infraestrutura portuaria viguesa que, actualmente, dispón de máis de 1 quilómetro de liña de atracada distribuída en dous espazos diferenciados en pleno centro da cidade, o Peirao de Transatlánticos e o Peirao de Comercio, habilitados para a escala de cruceiros. Estas zonas, ampliadas grazas aos coñecidos como Duques de Alba, permiten a estancia simultánea de até catro buques en pleno centro da cidade.
A Setrade Med de Barcelona é, sen dúbida, un dos principais eventos da industria crucerística no ámbito internacional e que pon o acento no mercado e as actividades deste sector en torno ao mar Mediterráneo. Un evento no que estarán representados un nutrido número de representantes dos diferentes portos do Mediterráneo así como doutras partes do mundo, compañías de cruceiros e outros moitos actores desta industria.
A Autoridade Portuaria de Vigo participa, ano tras ano, na Seatrade Cruise Shipping de Miami, unha da máis importantes feiras de cruceiros a nivel mundial, e na Seatrade Med de Barcelona, de gran repercusión internacional no sector dos cruceiros, xa que o Mediterráneo é, despois do Caribe, o destino máis importante, así como no Congreso Internacional Cruise Summit, considerado como un dos foros de coñecemento sobre o sector máis importantes do mundo.











