Vicente Prego presenta a mostra “Calendoscopio” na Aula de Cultura Ponte de Rosas
Vicente Prego (A Coruña, 1957) presentará “Calendoscopio”, unha mostra plástica que abrangue unha selecta escolma da súa obra. Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo e graduado na Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo de Santiago de Compostela, a súa traxectoria artística estivo ligada nos seus comezos á Galería Trinta de Santiago. Na actualidade os seus traballos atópanse nas coleccións de importantes institucións e museos galegos. A inauguración terá lugar este venres 26 de setembro ás 20:30 horas na Aula de Cultura Ponte de Rosas, na Avenida da Feira, nº10, baixo, Gondomar. A mostra permanecerá aberta ata o vindeiro 21 de novembro e poderá visitarse de luns a venres de 19 a 21 horas.
As primeiras obras de Vicente Prego, pinturas abstractas nas que predominan a materia e a textura, encádranse na tradición do informalismo español. A posterior substitución do lenzo pola madeira como soporte para os seus cadros, posibilitou a inclusión de incisións, raiaduras, grafías e rombos, así como unha intervención máis determinante no mesmo: lixas, gubias, sopletes, cepillos abrasivos e trade son utilizados simultaneamente con brochas e pinceis, aportando ás obras un carácter afín aos grafittis. En palabras de Xosé Antón Castro: “… explicitando a homenaxe ao pintor CyTwombly … referente de todo artista abocado ao instinto sinalizador e visceral do grafismo”. É a partir dese momento cando tamén comezan a aparecer, emerxendo deses fondos informalistas, recreacións de arquitecturas clásicas ou paisaxes, imaxes reais ou inventadas, similares ás das antigas fotografías de viaxes, coma se tratásese dunha exploración a través dun itinerario difuminado polo recordo. Na súa obra manterase este desexo de atopar un territorio de equilibrio entre orde e caos, figuración e abstracción, azar e premeditación, realidade e ficción.
Como é habitual, trala presentación tomaranse uns petiscos e unha copa de viño co artista.











