VetDoc destaca a contribución do traballo veterinario ao desenvolvemento do sector lácteo

Raquel Arias na xornada de veterinaria docente
A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, destacou a contribución que realizan os veterinarios ao desenvolvemento do sector lácteo lucense e á calidade dos produtos agroalimentarios cultivados na nosa provincia.
Arias realizou estas declaracións no Campus de Lugo durante a inauguración do I congreso de Veterinaria Docente, no que se dan cita expertos do sector no ámbito académico para compartir os coñecementos e prácticas máis actuais e innovadores.
Este congreso desenvólvese por primeira vez en España grazas á iniciativa da Asociación Española de Veterinarios Docentes (VetDoc) e congrega na Facultade de Veterinaria a docentes de diversas universidades españolas e europeas, constituíndo un punto de encontro dos docentes que teñen coma obxectivo mellorar a calidade do aprendizaxe dos graduados en Veterinaria.
Así, a delegada informou de que Lugo “produce preto da metade da cota de leite de Galicia e algo máis do 15% da cota española” e “tamén é unha das catro provincias que supera as 400.000 cabezas de gando de cebo en España”.
Estes datos reflicten “o traballo conxunto dos produtores e outros profesionais, entre os que xogan un papel destacado os veterinarios”, asegurou.
A delegada referiuse igualmente á relevancia da Facultade de Veterinaria de Lugo, “que durante os últimos 30 anos ven acollendo estudantes de todas as nacionalidades que ven neste centro a mellor opción para garantir un desempeño exitoso da profesión”.
Ao respecto, lembrou que a facultade conta con homologación europea dende hai 14 anos, “o que aumenta o seu prestixio fóra de Galicia, converténdoa no centro universitario con maior porcentaxe de alumnado de fóra da nosa comunidade, cumprindo un dos obxectivo ao que aspira o Sistema Universitario Galego”.
Para rematar, Arias subliñou a aposta da Xunta de Galicia por “reforzar o posicionamento desta facultade, impulsando o campo da investigación bioveterinaria” coa próxima construción do centro CEBIOVET. Esta actuación, explicou, implica un investimento inicial de 4,5 millóns de euros e “permitirá dispoñer aquí dunhas instalacións de referencia en Europa na investigación con animais, constituíndo unha oportunidade única para empresas e consumidores ao favorecer a creación de novos produtos e servizos”.
A Asociación de Veterinarios Docentes pretende con este congreso ofrecer aos académicos, pedagogos, profesionais, investigadores e estudantes a oportunidade de unirse para compartir innovación, ideas e mellores prácticas na educación veterinaria, reforzando a vocación docente que xunto coa práctica investigadora, completa o currículo do profesor universitario.











