Verín acolle un curso federativo de Monitor de Fútbol Base
A Federación Galega de Fútbol, a través da Escola Nacional de Adestradores, e o Concello de Verín promoven a realización dun curso federativo de Monitor de Fútbol Base na localidade, que foi presentado na mañá de hoxe por Enrique Díaz e Víctor Baladrón, tenente de alcalde e concelleiro de Verín respectivamente, José Luis Cachaldora, delegado da Federación Galega de Fútbol en Ourense, Manuel Mosquera, director da Escola de Adestradores, e Javier Losada, responsable do curso en Verín.
O mesmo ten por finalidade proporcionar aos alumnos a formación que garanta adquirir os coñecementos e habilidades necesarias que permitan desenvolver o seu labor, mediante competencia técnica e profesional nas competicións organizadas pola Federación Galega, con profesionais que actuaron no ámbito do fútbol, utilizando os medios materiais e humanos que dispón a Federación Galega de Fútbol.
Os participantes a este recibirán un diploma que acredita para adestrar equipos federados ata a categoría cadete (agás as ligas división de honra cadete, liga galega cadete e liga galega infantil, onde será necesario a partir da tempada 2015/2016 o nivel-1). Este curso conduce á obtención do diploma federativo de “Monitor de Fútbol de Base”, especialidade “fútbol”, avalado pola Escola Nacional de Adestradores da RFEF, que á súa vez permite a validación do bloque de prácticas a realizar cando se efectúe o curso de Nivel-1 “Federativo”, Instrutor de Fútbol Base. Estes diplomas serán obrigatorios a partir da próxima tempada para adestrar calquera equipo de base.
Os requisitos para o acceso ao mesmo son: ter 16 anos cumpridos e efectuar a inscrición durante o período estipulado. O plan de formación, dun total de 65 horas, estará distribuído en xornadas presenciais nas que se impartirán cuestións como técnica, táctica, adestramento deportivo, regras de xogo, medicina do deporte, psicoloxía, metodoloxía, dirección de equipos e regulamentación deportiva. O 28 de outubro, ás 19.30 horas, terá lugar a presentación do curso de Monitor de Fútbol Base e ao día seguinte se iniciarán as clases do mesmo, que se realizarán todos os martes e mércores ata o 28 de xaneiro, en horario de 20 a 22.30 horas.
Ata o día de inicio do curso está aberto o prazo de inscrición e a organización dispón de 35 prazas. A cota a pagar ascende a 150 euros e realizarase na conta da Escola Galega de Adestradores pertencente á Federación Galega de Fútbol (N.º de conta:2080-5199-68-3040007955. Importante poñer o nome e apelidos, DNI e o curso en concreto). A documentación a presentar é a seguinte: fotocopia do DNI (anverso e reverso), 2 fotografías tamaño carné (co nome por detrás), documentación adxunta cuberta (matrícula) e xustificante de pago de 150 euros. A ficha de inscrición pode descargarse no seguinte link http://www.futgal.es/pnfg/NBdd_ShwDocumento?cod_primaria=5000404&cod_documento=15346 As mesmas poden remitirse ao seguinte correo electrónico (escuelagallega@gmail.com), por correo postal (Escuela Gallega de Entrenadores. Federación Gallega de Fútbol. C/Menéndez y Pelayo, 18 2º. 15005 A Coruña) ou entregarse no Concello de Verín (1º piso da casa consistorial).











