Varios milleiros de romeiros e devotos celebraron en Brión o Día de Santa Minia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+
Devotos en Santa Minia

Devotos en Santa Minia

Varios milleiros de romeiros e devotos, chegados de todas partes de Galicia, ateigaron Brión para disfrutaren das Festas de Santa Minia. O coordinador da festa, Alberto Álvarez, explica que “tanto na xornada de onte á noite como durante toda a mañá de hoxe isto foi un non parar de xente. A carballeira estivo ata arriba onte coincidindo coa queima da fachada e as polberías non pararon nin un minuto nin onte nin durante esta mañá”. Como en anos anteriores, a maior afluencia de visitantes tivo lugar durante esta mañá, coincidindo coa misa solemne e coa hora do xantar, no que as cinco polbeiras estiveron varias horas traballando a pleno rendemento.

Dende as 9:00 horas, milleiros de devotos chegados en autobuses de toda Galicia acudiron a cumprir coa tradicional visita á santa, bicar o sepulcro onde repousan os seus restos e pasar sobre el as típicas estampiñas de Santa Minia para que lles dean sorte durante todo o ano. A espera media era de entre 5 e 10 minutos, aínda que cara o medio día chegouse a esperas de entre 20 e 25 minutos. Por razóns de seguridade, este ano tampouco se permitiu que as velas de ofrenda que traían os romeiros se depositasen na capela. No seu lugar, foron depositadas nun local anexo á leira onde teñen lugar as misas.

Dende a parroquia estaba todo organizado para que se puideran prender velas nese lugar e para depositar as figuriñas de cera (con formas de mans, brazos, cabezas, pernas… de acordo con aquela parte do corpo na que pidan a actuación de Santa Minia) e que os devotos presentaran minutos antes diante da Santa e que mercaran nos postos que rodean a capela de Santa Minia.

Festa e polbo

Por outra banda, a carballeira de Santa Minia centralizou a parte máis festiva da celebración. Así, a avenida de Santa Minia estivo ata os topes en canto a postos de venda de rosquillas, roupa, chourizos, larpeiradas, licores, filloas, ferramentas, pulseiras, velas, imaxes relixiosas, e xeados. Nesta edición houbo máis de 150 postos de venda.

Outros que estiveron sempre cheos foron as cinco polbeiras emprazadas na zona, que non deixaron de vender racións de polbo, churrasco, carne ao caldeiro e, incluso, paella a uns prezos medios de 8 euros por ración. Uns pulpeiros que recoñecen que durante un día como o de hoxe poden chegar a vender ata 500 quilos de polbo cada un. A música da mañá correu a cargo da Charanga Mekánica, da Banda de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón e da orquestra Canadá, que se encargou da sesión vermú.

Queima da fachada

A noite do venres, a queima da fachada e os fogos de artificio de Santa Minia encheron ata os topes a carballeira, pois nesa noite enchéronse os tres aparcamentos máis achegados á festa. E é que os romeiros levan xa varios anos sen disfrutar en condicións deste espectáculo pirotécnico, pois nas últimas edicións sempre coincidiu con noites de choiva. Nesta ocasión, o tempo foi propio e as orquestras Abanico e Ismael encargáronse de poñer a música.

Para a xornada do domingo, a charanga Os Celtas ofrecerá a súa música desde as dez da mañá. Ás 13:00 horas, a compañía Femme Fatale volverá a actuar un ano máis na avenida de Santa Minia representando o seu espectáculo de rúa “Unha cadeira para mover o mundo”, xusto antes da sesión vermú a cargo da orquestra Suavecito. Pola tarde, ás 17:00 horas haberá un espectáculo de malabares e maxia a cargo de Roi O Cagabolas que dará paso á actuación das escolas de baile e pandeireta do Concello de Brión, ás 18:00 horas na praza do Concello. E para pechar a tarde, as 20:30 horas, verbena coas orquestras Suavecito e Aramio.

Incidencias

A esta hora (17:30 horas), o dispositivo de seguridade disposto polo Concello de Brión confirma que o tránsito de visitantes se está a realizar sen problemas e que o tráfico se desvía de acordo co aparcamento dispoñible máis próximo á festa. Non hai que destacar ningunha incidencia.

27 de setembro de 2014 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.