Usuarios de COGAMI participan nun partido de baloncesto en cadeira de rodas en Samil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesVigo
A-
A+

O mércores, 1 de outubro, ás 17 horas, nas canchas de baloncesto de Samil, un grupo formado por 17 persoas con discapacidade e 3 profesionais de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) van participar nun partido de baloncesto en cadeira de rodas.

Organizado pola asociación Achega, este partido ten por finalidade aproximar o deporte a todo tipo de persoas, sen exclusión. Nesta ocasión, Achega contactou con COGAMI para ofrecerlle participar nun partido de baloncesto en cadeira, unha actividade na que participa tanto xente con mobilidade reducida como xente que non a ten.

Dende a asociación Achega teñen planificadas outras actividades deportivas adaptadas a persoas con discapacidade, como son tenis en cadeira, hipoterapia, vela adaptada, esgrima, rugby ou deporte inclusivo.

Con este tipo de actividades deportivas, preténdese, ademais de potenciar a actividade física, xerar conciencia e responsabilidade social, dar a coñecer o deporte adaptado ao resto da sociedade, implantar na sociedade galega un novo coñecemento da realidade existente e producir un efecto positivo e terapéutico nas persoas con discapacidade.

30 de setembro de 2014 | 13:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.