Uns 550 maiores participarán en Brión na XXVI Festa dos Vellos
O Concello de Brión celebrará este domingo 7 de setembro a XXVI Festa dos Vellos, unha das celebracións máis antigas da provincia e que este ano contará cuns 550 participantes. O Concello de Brión porá un servizo de autobuses gratuíto para recoller aos maiores polas distintas parroquias, que se reunirán no polideportivo municipal de Brión a iso das 12:00 horas.
Tras unha actuación musical de gaiteiros, ás 13:00 horas terá lugar unha misa cantada por unha coral composta por membros da desaparecida Coral Polifónica de Brión. Ás 14:00 horas comezará o xantar, que dará paso a unha verbena que se prolongará ata as 20:00 horas.











